Actualidade

Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2011-2012 (EILMasteres1112)” da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)

14/12/2017

O xoves, 14 de decembro, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou os resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2011-2012”. No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, Dona María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, Don José Eduardo López Pereira.

Neste informe, presentáronse os resultados acadados na terceira enquisa, realizada aos titulados universitarios no curso académico 2011-2012 en másteres oficiais, entre xuño e xullo do 2015, aproximadamente tres anos despois de remataren o seu título de máster.

Os obxectivos do estudo séguense a manter e son os do proxecto orixinal: “proporcionar información dos titulados universitarios en másteres oficiais no SUG sobre dúas temáticas principais: a súa percepción sobre a formación e a universidade (aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, motivación para realizar o máster, etc.) e a súa situación laboral, tanto previa como posterior á realización do máster”.

Neste estudo a mostra acadada foi de 1.907 sobre unha poboación total de 2.728, o que representa un 69,9%.

Universidade Poboación 2011-2012 Mostra 2011-2012
A Coruña 594 415
Santiago de Compostela 925 628
Vigo 1.209 864
SUG 2.728 1907

 

Co obxectivo de garantir a maior representatividade para cada un dos másteres no SUG, realizouse un estudo exhaustivo no que se contactou con todos e cada un dos individuos que constituían a poboación.

O erro de mostraxe global acadado para os titulados en másteres no SUG sitúase no +/-1,23%, cun nivel de confianza do 95%, oscilando entre o +/-1,79% e o +/-4,07% por rama de coñecemento.

Dentro das principais conclusións extraídas no estudo EILMasteres1112 para o total da poboación titulada no SUG durante o curso académico 2011-2012 atópanse as seguintes:

Un 63,6% dos titulados traballaron con anterioridade ao máster, dos cales un 60,9% compaxinaron o devandito traballo coa realización do máster.
O 68,1% dos titulados cursaron o máster na mesma universidade na que realizaran a súa titulación previa..
O motivo principal que leva os titulados de máster a cursalo é complementar a formación académica para unha maior especialización no mercado de traballo, cun 63,7%. O segundo motivo en importancia é complementar a formación académica para poder realizar o doutoramento e dedicarse á investigación, cun 31,9%.
Un 51,8% dos titulados cursaron prácticas externas e, destes, un 75,3% considéranas boas ou moi boas.
As vías de busca de emprego máis utilizadas polos titulados son os portais de busca de emprego na web, cun 72,4%, a candidatura espontánea, cun 72,1%, os contactos persoais, cun 61,3%, as axencias públicas de emprego, cun 57,1%, e a resposta a anuncios de traballo, cun 53,3%.
As vías de busca de emprego que propiciaron un maior número de empregos son os contactos persoais, cun 32,9% de titulados que conseguiron o seu traballo a través deles, os portais de busca de emprego na web, cun 32%, e a vía da candidatura espontánea, cun 27,2%.
Os titulados destacan como factor máis relevante no proceso de contratación a experiencia laboral relacionada e, en menor medida, o desenvolvemento nos procesos de selección e a súa titulación de grao.
As competencias consideradas como máis importantes polos titulados para a obtención dun emprego son a capacidade de asumir responsabilidades, a capacidade para resolver problemas e a comunicación oral e/ou escrita.
Un 93,3% dos titulados traballaron desde a finalización do máster, dos cales un 59,4% comezou nun novo emprego e un 40,6% continuou no emprego que tiña antes de rematar o máster.
Un 40% dos titulados que empezan nun novo emprego tras a finalización do máster tardan menos de tres meses en atopalo e o 58,5% menos de seis meses. O tempo medio en atopar emprego é de 7,71 meses.
O 36,8% dos titulados en másteres estiveron empregados durante todo o tempo que vai desde a finalización do máster ata o momento de realización da enquisa. Esa porcentaxe é do 23,8% se temos en conta unicamente empregos relacionados co contido do máster realizado polos titulados.
Nos tres anos que transcorreron desde a finalización do máster, os titulados traballaron, de media, en 2,09 empregos distintos, mentres que o número medio de contratos que tiveron durante ese período foi de 6,10.
Un 77,7% dos titulados traballa na actualidade, mentres que un 15,5% non traballa pero busca emprego e un 6,8% nin traballa nin busca emprego.
O 3,5% dos titulados en másteres non traballa nin busca emprego porque está a realizar outros estudos, principalmente de doutoramento ou de grao, e un 2% porque prepara oposicións.
Un 47,5% dos titulados afirman que o seu traballo actual está bastante ou moi relacionado co máster que cursaran. Ao mesmo tempo, un 82,6% dos titulados considera que para o desenvolvemento do seu traballo actual é necesaria formación universitaria.
Un 31,8% dos titulados que traballa na actualidade leva no seu posto de traballo máis de tres anos, porcentaxe que é do 15,7% se se teñen en conta os que levan cinco anos ou máis.
A gran maioría dos titulados queda a traballar en Galicia, un 86,2%, mentres que só unha reducida porcentaxe traballa no estranxeiro. Os principais motivos achegados para non traballar en Galicia son non atopar traballo en Galicia, cun 39,7%, e recibir unha mellor oferta no exterior, cun 34,8%.
Soamente un 13% dos titulados que traballa o fai por conta propia, e o restante 87% traballa por conta allea. A práctica totalidade destes están dados de alta ou cotizan á Seguridade Social. Dos traballadores por conta allea, o 40% ten un contrato fixo, mentres que o 45,7% conta cun contrato temporal. Á súa vez, un 79,1% traballa a xornada completa.
Un 37,7% dos titulados que está a traballar faino na Administración pública ou en empresas públicas, mentres que un 34,9% traballa en empresas privadas con máis de 50 empregados.
Un 59,2% dos titulados teñen un salario superior aos 1.000 euros mensuais. O salario medio é de 1.203,75 euros, cifra que se reduce a 1.114,55 euros no caso das mulleres e que ascende a 1.342,06 euros no dos homes. En comparación co salario no traballo previo á realización do máster, prodúcese un incremento de 125,99 euros no salario medio, que se deriva dun incremento do salario medio no caso das mulleres de 144,98 euros, e no caso dos homes de 94,17 euros.
Un 43,8% dos titulados considera que o máster está bastante ou moi valorado no seu ámbito laboral, mentres que só o 13,3% considera que non está nada valorado.
Un 46,3% dos titulados valora o máster como bastante ou moi útil tendo en conta a súa traxectoria laboral, e un 77,3% volvería cursar o mesmo máster.

 

Presentación da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados en másteres no sistema universitario de Galicia 2011-2012”. Xoves, 14 de decembro ás 11:00 horas na sede de ACSUG.

11/12/2017

O xoves 14 de decembro ás 11:00 horas na sede de ACSUG terá lugar a presentación da publicación:”Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2011-2012”. No acto intervirán o Sr. Secretario Xeral de Universidades, a presidenta e o director de ACSUG.

Esta publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral da poboación titulada universitaria no Sistema Universitario de Galicia que se levan a cabo de forma periódica desde o ano 2001 en ACSUG. Coa nova estrutura dos estudos universitarios actuais, grao, máster e doutoramento, resulta indispensable dispor de información sobre a inserción laboral da poboación titulada en másteres. Por iso, no ano 2013, a Axencia iniciou un novo proxecto, ampliando o campo de estudo aos titulados en másteres no SUG, converténdose na primeira axencia a nivel nacional en realizar unha análise deste tipo. Continuando con esta iniciativa, ACSUG publica o seu terceiro informe.

Nesta publicación, analízanse os resultados obtidos na enquisa realizada entre xuño e xullo de 2015, aproximadamente aos tres anos de rematar o máster. Entre os obxectivos principais deste informe está o de proporcionar información sobre as tituladas e os titulados universitarios en másteres no SUG, de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. A información recabada contempla as seguintes temáticas: valoracións sobre aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, motivación principal para realizar estudos de másteres e valoracións sobre a experiencia laboral nestes últimos anos, antes e despois da realización do máster. O informe remata facendo unha comparativa dos resultados acadados entre a poboación titulada en másteres nos cursos académicos 2011-2012, 2010-2011 e 2009-2010.

Resumo prensa

Presentación

Programa FIDES-AUDIT. Fase de certificación da implantación dos sistemas de garantía de calidade

27/11/2017

Publícase a convocatoria para a solicitude de participación dos centros no proceso de Certificación da Implantación dos Sistemas de Garantía de Calidade.

O prazo para o envío das solicitudes comeza o día 28/11/2017 e finaliza o 27/12/2017. As universidades interesadas deberán cubrir a solicitude de participación.

Xuntanza de meta-avaliación na ACSUG

24/11/2017

O 31 de outubro de 2017 celebrouse na ACSUG unha xornada na que participaron os representantes das áreas de calidade e dos vicerreitorados con competencias en xestión da calidade de centros e títulos das tres universidades galegas. O obxectivo da xornada foi realizar unha meta-avaliación dos procesos de avaliación de títulos e centros da convocatoria 2016/2017 coa finalidade de detectar debilidades e propoñer melloras nos distintos procesos (verificación, modificación, seguimento, acreditación e certificación de SGC) así como tamén planificar a convocatoria do curso 2017/2018.

Previamente, coa finalidade de obter información dos distintos grupos de interese (coordinadores e responsables de títulos e avaliadores externos) leváronse a cabo os procesos de medición da satisfacción relacionados coa convocatoria 2016/2017 onde se valoraron, entre outros parámetros, aspectos relacionados coa documentación, organización e desenvolvemento dos distintos procesos de avaliación. Os resultados das ditas consultas tamén foron presentadas e analizadas durante a xuntanza.

As xuntanzas de meta-avaliación, celebradas anualmente entre a ACSUG e as Universidades do Sistema Universitario de Galicia, constitúen unha ferramenta útil de cara a mellora de cada un dos procesos que xestiona a Axencia no referente a avaliación de títulos e centros.

Xuntanza realizada cos Vicerreitorados de Títulos e Áreas de Calidade das Universidades do Sistema Universitario de Galicia (31.10.2017)

A ACSUG participa no XIII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións celebrado na Universidade da Coruña en Ferrol, organizado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO)

09/11/2017

A ACSUG participou no “XIII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións”, que se celebrou os días 26, 27 e 28 de outubro na Universidade da Coruña no Campus de Esteiro en Ferrol.

O obxectivo deste congreso, que se celebra con carácter bianual, é contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da Estatística e da Investigación de Operacións. Como en edicións anteriores, incluíronse no programa distintos actos como conferencias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións, dentro das cales, a ACSUG presentou dúas comunicacións: “Mobilidade e coñecemento de idiomas dos titulados no Sistema Universitario de Galicia nos cursos 2011-2012 e 2012-2013” e “A inserción laboral dos titulados en Máster: motivación e valoración do título”.

Estas comunicacións, en formato póster, engloban os resultados máis recentes acadados nos estudos de inserción laboral realizados pola Axencia. No caso da poboación titulada de 1º, 2º ciclo e graduados valorando a mobilidade realizada polos titulados e o seu coñecemento de idiomas nos cursos 2011-2012 e 2012-2013, e no referente á poboación titulada en másteres realizando unha análise do desenvolvemento do máster (planificación das ensinanzas, competencias, profesorado, coordinación e traballo fin de máster), así como analizando a súa motivación para telo cursalo.

A ACSUG participa na asamblea xeral de ENQA do 2017 en Sevres (Francia)

07/11/2017

A ACSUG participou na Asemblea Xeral do ano 2017 da Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA), que se celebrou os días 26 e 27 de outubro na cidade francesa de Sevres.

A Asemblea xeral foi precedida, como é habitual, dun foro ao que asistiron máis de 120 persoas pertencentes ás axencias que forman parte de ENQA. Neste foro tratáronse diversos temas relacionados coa calidade da educación superior, coa utilización de relatorios, mesas redondas e presentacións de pósters. Entre outras cuestións, debatéronse as recomendacións que ENQA propoñerá para a próxima Conferencia Ministerial do Proceso Bolonia, prevista para o mes de maio de 2018 en París. Tamén se discutiron as vantaxes e inconvenientes de realizar acreditación institucional ou acreditación de programas.

Posteriormente, na Asemblea Xeral de ENQA, foron aprobados tanto a memoria anual do 2017 como o orzamento e o plan de actividades para o 2018 da entidade. Tamén se procedeu á renovación parcial do Board e á elección do novo presidente do organismo. Na asemblea tamén se confirmou, por 5 anos mais, a renovación de 7 axencias que foron reavaliadas no 2017 como membros no organismo.

A próxima reunión de ENQA, o member´s fórum do ano 2018, terá lugar en Zaragoza o vindeiro mes de abril, organizado pola Axencia de Calidade e Prospectiva Universitaria de Aragón (ACPUA).

Publicación informe ICU 2016

07/11/2017

Como cada ano, ANECA e as axencias de calidade autonómicas publican o Informe sobre o estado da avaliación externa da calidade nas universidades españolas correspondente ao ano 2016.

O informe que aquí se presenta, que vén realizándose anualmente desde 2006, cumpre coa misión de informar ao Ministerio competente en materia de Universidades e aos diferentes axentes da sociedade, sobre o desenvolvemento dos procesos de avaliación, certificación e acreditación en España no ámbito da educación universitaria.

O obxectivo final destes informes é achegar unha reflexión que axude á toma de decisións sobre as principais accións de mellora necesarias para garantir a calidade do Sistema Universitario Español, cun enfoque especialmente dirixido ao servizo dos intereses dos estudantes e a sociedade.

Comunicación das resolucións de Execelencia curricular e cargos de xestión convocatoria 2016 : Sistema notifica

11/09/2017

Infórmase aos solicitantes dos complementos retributivos de excelencia curricular e de méritos de xestión, da convocatoria de 2016, que ao longo destes días procederase á notificación das resolucións por medio da plataforma notifica.gal da Xunta de Galicia, tal e como se establece pola normativa de aplicación.

Os solicitantes recibirán un aviso (ben por correo electrónico, ben por teléfono móbil) no que se indicarán as instrucións para acceder ás resolucións. Para resolver as dúbidas técnicas de acceso que poidan xurdir ao respecto, deben chamar ao teléfono 012.

Xuntanza anual de ECA 2017

30/08/2017

Os días 22 e 23 de xuño de 2017 levouse a cabo en París (Francia) o 4th Annual meeting e 20th Workshop del Consorcio Europeo de Acreditación (ECA). A ACSUG, que pertence ao organismo desde o 2013, estivo representada polo seu Director e por un dos seus técnicos, o cal é membro do Consello de ECA. A ACSUG tamén participou, como ven sendo habitual, na xuntanza do grupo de traballo 1 sobre recoñecemento mutuo e títulos conxuntos.

Xornada de formación das comisións de avaliación da universidade de Vigo para o desenvolvemento da convocatoria 2017 do programa DOCENTIA

20/07/2017

O 13 de xullo, dentro das actividades incluídas no convenio marco de colaboración asinado entre ACSUG e a UVIGO para o desenvolvemento do Programa DOCENTIA na dita institución, celebrouse na ACSUG unha xornada de formación á que asistiron os membros das catro Comisións de Avaliacións que van participar na primeira convocatoria do Programa DOCENTIA. Asistiron á xornada un total de 19 avaliadores, ademais dos representantes da Area de Calidade e Vicerreitora de Organización Académica e Profesorado.

Programa da Xornada

Xornada de formación da comisión de avaliación do centro universitario da defensa (CUD) para o desenvolvemento do programa DOCENTIA

20/07/2017

O 11 de xullo, dentro das actividades incluídas no convenio marco de colaboración asinado entre ACSUG e o CUD para o desenvolvemento do Programa DOCENTIA na dita institución, celebrouse en ACSUG unha xornada de formación á que asistiron os membros da Comisión de Avaliación que vai participar na primeira convocatoria do Programa DOCENTIA.

Programa da xornada

Convocatoria ordinaria de avaliación previa á contratación do profesorado polas universidades do SUG

20/06/2017

Con data do 20 de xuño de 2017 publícase no DOG a Resolución do 26 de abril de 2017 da Presidenta da ACSUG, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado universitario polas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

Acceso á aplicación informática para cubrir a solicitude.

Pagamento de taxas administrativas para presentar a solicitude.

Dúbidas frecuentes

Comites Acreditación 2016

14/06/2017

Tendo en conta as competencias outorgadas pola normativa de aplicación, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) procédese á publicación da composición dos comités de asesores expertos constituídos ao abeiro coa convocatoria publicada o 26 de abril de 2016 (DOG de 24 de maio), de avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

A ACSUG asistiu ao workshop “Exploring Synergies Between Quality Assurance and Qualifications Recognition” en Dublin (Irlanda) organizado por ENQA

10/06/2017

ACSUG participou no workshop “Exploring Synergies Between Quality Assurance and Qualifications Recognition”, que tivo lugar os días 1 e 2 de xuño en Dublin (Irlanda).

Este workshop foi organizado pola European Association for Quality Assurance in Higher Education (ENQA) e a Quality and Qualifications Ireland (QQI). Neste evento presentáronse experiencias relacionadas co recoñecemento de títulos, exemplos de colaboración entre axencias de calidade e centros ENIC-NARIC, así como se traballou na identificación de problemas e solucións para establecer sinerxias comúns nos procedementos de recoñecemento de títulos. Actualmente, existe un grupo de ENQA traballando sobre este tema.

Durante o desenvolvemento do programa contouse coa participación de representantes de axencias de calidade, centros ENIC-NARIC, institucións universitarias, entre outros, implicados nestes procesos, que expuxeron os seus distintos puntos de vista e coincidiron na necesidade de traballar no establecemento de directrices comúns.

Toda a información sobre este evento pódese consultar en: http://www.enqa.eu/index.php/events/exploring-synergies-between-quality-assurance-and-qualifications-recognition/

Firma convenio marco ACSUG e Universidade LiberQuaré

09/06/2017

A ACSUG firma convenio marco de colaboración entre o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e a Universidade LiberQuaré. Acto no que interviñeron D. Eduardo López Pereira director ACSUG e Dr. D. Agustín Dosil Maceira Rector da Universidade LiberQuaré.

  

Auditoría externa de protección de datos

08/06/2017

En febreiro de 2017 levouse a cabo na ACSUG unha auditoría externa por parte da consultaría LOPDAT, relativa ao cumprimento da normativa vixente en protección de datos. O resultado da mesma conclúe que a ACSUG realiza unha xestión adecuada e ten implantadas todas as medidas necesarias relativas á seguridade e protección de datos: ficheiros inscritos na Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), protocolo de copias de seguridade, xestión de soportes e documentos, control de acceso e xestión de contrasinais, etc.

A ACSUG asiste ao ENQA MEMBERS’ FORUM 2017 en Oslo (Noruega)

30/05/2017

Os días 4 e 5 de maio tivo lugar o Members' Forum do 2017 da Asociación Europea para a Garantía da Calidade na Educación Superior (ENQA) en Oslo (Noruega). O director da ACSUG asistiu a esta reunión, na cal, ademais de levarse a cabo a asemblea do organismo, se discutiron outros temas relacionados co ámbito da educación superior: situación do Plan Bolonia, resultados non previstos do aseguramento da calidade, etc.

Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013 (EIL1213)” da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)

24/04/2017

O venres, 21 de abril, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou os resultados no SUG do ”Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”. No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, Dona María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, Don José Eduardo López Pereira.

Neste informe, presentáronse os resultados acadados na undécima enquisa, realizada á poboación titulada no curso académico 2012-2013 en decembro de 2015.

A poboación obxecto de estudo está centrada na poboación universitaria titulada en títulos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura e arquitectura técnica) e graos, detectándose un incremento na representatividade dos titulados en graos, en consonancia cos anos de implantación dos primeiros títulos de grao (2008-2009 e 2009-2010) como froito do proceso de adaptación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). En concreto, atópanse representados 70 graos, case o triplo con respecto ao estudo anterior, nos que tan só había 26.

A mostra enquisada foi de 4.473 titulados sobre un total de 8.395, representando arredor dun 53,28% da poboación total.

Universidade

Poboación

Mostra

Universidade da Coruña

2.585

1.366

Universidade de Santiago de Compostela

3.453

1.749

Universidade de Vigo

2.357

1.358

SUG

8.395

4.473

No deseño da mostra, para cada titulación e campus (subpoboación) seleccionouse unha mostra aleatoria, determinándose o tamaño da mostra para a estimación da proporción (con varianza máxima) e fixando un erro máximo admisible do 10%, cun nivel de confianza do 95%.

Os resultados obtidos neste estudo proporcionan información sobre aspectos relacionados coa transición dos titulados da educación universitaria ao mercado laboral: formación universitaria, prácticas e traballos durante a titulación, mobilidade, coñecemento de idiomas, acceso ao emprego, vías de busca de emprego, situación laboral actual no momento de realizar a enquisa, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e as competencias máis requeridas no emprego.

Dentro das principais conclusións extraídas no estudo EIL1213 para o total de titulados no SUG durante o curso académico 2012-2013 atópanse as seguintes:


Datos académicos

  • Para o 76,89% dos titulados durante o curso académico 2012-2013 a titulación obtida fora a súa primera opción.

  • O 58,08% dos titulados gozou dalgunha bolsa durante os seus estudos. Máis da metade dos titulados que obtiveron unha bolsa, mantivérona durante tres ou máis cursos académicos. No 98,61% dos casos a bolsa de estudos procedía dunha institución pública española.

  • O 46,90% dos titulados durante o curso académico 2012-2013 tiña no momento de realizar a enquisa outra titulación universitaria finalizada, aparte da titulación pola que foi enquisado.

  • O 19,46% dos titulados durante o curso académico 2012-2013 participou durante a súa estadía na universidade nalgún programa de mobilidade, maioritariamente no programa Erasmus, cun 80,24%. No 81,07% dos casos o seu destino foi unha universidade do resto da Unión Europea.

  • O 93,12% dos titulados no curso académico 2012-2013 coñece e é quen de usar algun idioma a maiores das lenguas oficiais do SUG (galego y castelán). Deles, o 52,88% afirmou coñecer só un idioma adicional.


Busca de emprego

  • O 80,22% dos titulados buscou emprego relacionado coa súa titulación dedde que remaotu os estudos. Deles, o 62,50% atopouno.

  • O tempo medio que lles llevou aos titulados atopar ese primeiro emprego relacionado coa súa titulación foi de 9,54 meses

  • As vías de busca de emprego más utilizadas polos titulados durante o curso 2012-2013 foron a través de internet, cun 4,06, presentando de maneira espontánea a súa candidatura, cun 3,77, e a través de contactos persoais, familiares ou amizades, cun 3,01. Máis da metade dos titulados, un 53,05%, atopou o seu primeiro emprego por algunha destas tres vías.


Situación actual

  • O 23,15% dos titulados durante o curso académico 2012-2013 continuaba estudando no momento da realización da enquisa.

  • O 24,02% dos titulados durante o curso académico 2012-2013 preparaba oposicións no momento da realización da enquisa.

  • El 70,59% dos titulados durante o curso académico 2012-2013 traballaba no momento da realización da enquisa.


Emprego actual (despois da titulación)

  • A maioría dos titulados 78,26% estaba a traballar en Galicia. O 16,70% traballaba noutra comunidade autónoma e só un 5,04% traballaba fóra de España

  • O salario medio neto mensual dun titulado durante o curso académico 2012-2013 era de 1.086,60 €. Máis da metade dos titulados, o 51,13%, tiñan un salario mensual superior a 1.000 €

  • El 76,66% dos titulados que traballaban estaban desenvolvendo funcións de nivel universitario no seu trabajo. Deles, o 82,87% desenvolvía funcións específicas da súa titulación.

  • As cinco competencias máis valoradas polos titulados durante o curso 2012-2013 foron a capacidade para a aprendizaxe, cun 4,52, a motivación, cun 4,50, a capacidade para resolver problemas, cun 4,47, a capacidade de comunicación oral/escrita, cun 4,44, e a adaptabilidade, cun 4,37.


Satisfacción co itinerario académico

  • O 90,43% dos titulados volvería cursar estudos universitarios. Deles, o 80,29% volvería a elexir a mesma titulación, dos cales un 85,59% repetiría os seus estudos na mesma universidad. Isto tradúcese en que o 62,15% do total de titulados no SUG durante o curso 2012-2013 repetiría exactamente o mesmo itinerario académico, é dicir, volvería cursar a mesma titulación na mesma universidade.

Presentación dos Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”. Venres 21 de abril ás 12:30 na sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

20/04/2017

O venres día 21 de abril ás 12:30 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación dos Resultados no SUG do ”Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”. No acto intervirán o Sr. Secretario Xeral de Universidades, D. José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, D.ª María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, D. José Eduardo López Pereira.

Desde a súa creación, no ano 2001, a ACSUG desenvolveu actividades orientadas á mellora continua da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), entre as cales se atopa a realización dun seguimento periódico da poboación titulada no SUG, materializada a través dos seus estudos de inserción laboral. Nestes estudos analízanse as valoracións dos titulados, proporcionando información da percepción que teñen sobre a súa formación adquirida e a súa universidade, e sobre a busca de emprego e a súa situación laboral actual.

Neste análise, preséntanse os resultados acadados na undécima enquisa, realizada en decembro de 2015 aos titulados universitarios, aproximadamente aos dous anos e medio de rematar o título. A poboación obxecto de estudo segue a estar centrada na poboación titulada en títulos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura e arquitectura técnica) e graos, detéctandose un incremento na representatividade dos titulados en graos, en consonancia cos anos de implantación dos primeiros títulos de grao (2008-2009 e 2009-2010) como froito do proceso de adaptación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Os resultados obtidos neste estudo proporcionan información sobre aspectos relacionados coa transición dos titulados da educación universitaria ao mercado laboral: formación universitaria, prácticas e traballos durante a titulación, mobilidade, coñecemento de idiomas, acceso ao emprego, vías de busca de emprego, situación laboral actual no momento de realizar a enquisa, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e as competencias máis requeridas no emprego.

Sinatura de convenio entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e o Centro Universitario da defensa (CUD-Escola Naval Militar de Marín)

23/03/2017

O Director de ACSUG, J. Eduardo López Pereira, e o Subdirector do Centro Universitario da Defensa (CUD-Escola Naval Militar de Marín), D. Santiago Urréjola Madriñán, asinaron un convenio para o desenvolvemento do programa DOCENTIA de apoio á avaliación da actividade docente do profesorado que imparte clases no mencionado centro. O Subdirector acudiu á sede de ACSUG acompañado polo Coordinador de Calidade do Centro, D. Francisco Javier Fernández Fernández, quen, previo á firma, completaron a súa información sobre o completo desenvolvemento de todo o proceso: cronograma do seu desenvolvemento, constitución das comisións de avaliación, estimación de custos, etc.

Coa firma deste convenio, ACSUG adquire, entre outros compromisos, o de facilitar ao CUD os documentos relativos ao Programa de Apoio á Avaliación da Actividade Docente do Profesorado, o de formar no modelo do Programa aos responsables técnicos do CUD, así como o de realizar o seguimento da implantación e a certificación do modelo de avaliación deseñado polo CUD.

Por outra banda, o CUD acepta participar en todas as fases que conforman o desenvolvemento do Programa: deseño, formación, verificación, implantación e certificación, e informar á Universidade de Vigo dos resultados agregados da avaliación do profesorado.

cud3_0.jpg cud3_0.jpg

Xornada sobre Certificación dos Sistemas Internos de Garantía de Calidade Universitarios

23/03/2017

ACSUG participou na Xornada sobre Certificación dos Sistemas Internos de Garantía de Calidade Universitarios organizada por UNIBASQ, celebrada na sede de Ikerbasque (María Díaz de Haro, 3, Bilbao, Planta Baixa- Arquivo Histórico) de 9:15 a 14.00 horas, o 10 de marzo de 2017.

Programa

img-20170311-wa0015.jpg

Unha comisión do Ministerio de Educación Superior da República Dominicana visita ACSUG

22/03/2017

Unha comisión, creada polo Ministerio de Educación Superior, Ciencia e Tecnoloxía da República Dominicana para o desenvolvemento dun Sistema Nacional de Aseguramiento da Calidade, visitou a ACSUG co fin de solicitar o seu apoio para o asesoramento e implantación dun sistema de mellora da calidade no seu país. Dita comisión estaba presidida polo Viceministro de Certificación e Desenvolvemento da Carreira Docente, Dr. Saturnino dos Santos, acompañado polo coordinador da comisión, Dr. Radhamés Mejía, exrector da Universidade APEC, polo Dr. Roberto Reyna, exrector da UASD e a Dra. Laura Abreu, asesora educativa no devandito ministerio.

Nunha xornada intensa de traballo na Axencia desenvolvéronse diversas sesións informativas sobre os procesos de xestión da calidade que desenvolve ACSUG, tanto a nivel nacional como internacional: verificación, seguimento, acreditación da calidade e sistema de garantía de calidade. O Ministerio de Educación Superior trata de aproveitar as sinerxias que outros países, con máis experiencia nos procesos de control e mellora da calidade, lle poden ofrecer e de aprender dos seus erros para non caer neles. Neste afán de aproveitar sinerxias, ACSUG coordinou coa devandita comisión unha xornada de traballo na Universidade de Coruña onde foi recibida e atendida polo Sr. Reitor, Dr. Juio Abalde e pola Sra. Vicerreitora, Dra. Nancy Vázquez que lles deron amplas explicacións da percepción que ten a universidade da ante e a post acreditación.

Entre ambas as xornadas de traballo, a comisión foi recibida na Xunta de Galicia polo Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dr. Román Rodríguez, quen explicou o esforzo do seu goberno pola mellora da calidade universitaria e o papel fundamental que desempeña a ACSUG nesta misión.

O resultado máis inmediato desta visita a Galicia será a firma dun convenio de colaboración institucional entre o Ministerio de Educación Superior de Ciencia e Tecnoloxía e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como un segundo convenio entre o devandito Ministerio e a ACSUG para unha estreita colaboración no establecemento dun sistema nacional de aseguramiento da Calidade na Educación Superior na República Dominicana.

 

1st Regional Thematic Seminar in Lisbon: Institutional Accreditations in Europe – 2 cases

23/02/2017

A ACSUG asistiu ao “1st Regional Thematic Seminar in Lisbon: Institutional Accreditations in Europe – 2 cases”, que tivo lugar o pasado 31 de xaneiro en Lisboa. Este seminario foi organizado polo “European Consortium for Accreditation (ECA) Working group 2". "Innovation in QA and Accreditation” e a Agency for Assessment and Accreditation of Higher Education (A3ES) de Portugal Neste seminario presentaronse dúas experiencias sobre acreditación institucional desenvolvidas pola Accreditation Organisation of the Netherlands and Flanders (NVAO) en Flanders e Zentrale Evaluations-und Akkreditierungsagentur Hannover (ZEvA) en Alemania.

Actualmente, este grupo atópase traballando nas seguintes temáticas:

  • Empregabilidade e competencias transversales
  • Ensinanza superior transfronteriza/actividades internacionais
  • Enfoques basados no risco/Análises de risco
  • Seminarios rexionais temáticos

Avaliación de centros universitarios na Universidade Anáhuac-Xalapa (UAX) en México.

19/01/2017

Entre maio e decembro de 2016 desenvolveuse o proceso de avaliación na Escola de Economía e Negocios da Universidade Anáhuac de Xalapa en México. Avaliáronse 4 licenciaturas:

  • Licenciatura en Dirección e Administración de Empresas
  • Licenciatura en Finanzas e Contaduría Pública
  • Licenciatura en Mercadotecnia
  • Licenciatura en Negocios Internacionais

A Comisión de Avaliación nomeada por ACSUG desprazouse á UAX os días 3, 4 e 5 de outubro de 2016. Os informes finais foron remitidos á universidade o 16 de decembro. O resultado foi Favorable para as 4 titulacións. ACSUG fará un seguimento dos Plans de Mellora presentados.

Ampliar información

 

ECA winter seminar 2016

16/01/2017

Entre os días 13 e 15 de decembro de 2016 levouse a cabo na Haya (Holanda) o winter seminar do 2016 do Consorcio Europeo de Acreditación (ECA). A ACSUG, que pertence ao organismo desde o 2013, estivo representada por un dos seus técnicos, que é membro do Consello de ECA. A ACSUG tamén participou, como ven sendo habitual, na xuntanza do grupo de traballo 1 sobre recoñecemento mutuo e títulos conxuntos. Na reunión xeral do organismo do día 15 de decembro, realizouse por parte da ACSUG unha presentación acerca do aseguramento da calidade no sistema universitario español

 

Xornada de formación para avaliadores de títulos

16/01/2017

O 14 de decembro de 2016 celebrouse na ACSUG unha Xornada de Formación para as Comisións de Avaliación que participan nos procesos de verificación, seguimento e acreditación de títulos oficias. Á xornada asistiron un total de 18 persoas entre vogais académicos, profesionais e estudantes.

Programa