A Asociación Europea para a Garantía da Calidade na Educación Superior (ENQA), ven publicando periodicamente desde o 2012 uns boletíns de noticias, que serven como plataforma para que os seus membros compartan información relevante. A ACSUG participou no 29º Boletín, publicado recentemente, cunha noticia sobre a posta en marcha do Proxecto Piloto de Seguimento Institucional.
Actualidade
ACSUG participa no 29º boletín de noticias de ENQA
Programa FIDES-AUDIT. Fase de certificación da implantación dos sistemas de garantia de calidade
Publícase a convocatoria para a solicitude de participación dos centros no proceso de Certificación da Implantación dos Sistemas de Garantía de Calidade.
O prazo para o envío das solicitudes comeza o día 11/12/2019 e finaliza o 17/01/2020.
As universidades interesadas deberán cubrir a solicitude de participación.
Publicación informe ICU 2018
Como cada ano, ANECA e as axencias de calidade autonómicas publican o Informe sobre o estado da avaliación externa da calidade nas universidades españolas correspondente ao ano 2018.
O informe que aquí se presenta, que vén realizándose anualmente desde 2006, cumpre coa misión de informar ao Ministerio competente en materia de Universidades e aos diferentes axentes da sociedade, sobre o desenvolvemento dos procesos de avaliación, certificación e acreditación en España no ámbito da educación universitaria.
O obxectivo final destes informes é achegar unha reflexión que axude á toma de decisións sobre as principais accións de mellora necesarias para garantir a calidade do Sistema Universitario Español, cun enfoque especialmente dirixido ao servizo dos intereses dos estudantes e a sociedade.
Avaliación actividade investigadora profesorado Oviedo
Anúnciase que tal e como se recolle na Resolución do 21 de outubro de 2019 emitida pola Vicerreitoría da Universidade de Oviedo a través da que se fai público o procedemento de solicitudes de avaliación da actividade investigadora para persoal docente interino e non permanente correspondente á convocatoria do ano 2019, o prazo para presentar solicitudes abrangue do 25 de outubro ao 15 de novembro do presente ano
ACSUG participou na DEQAR conference en Madrid
ACSUG participou nun seminario organizado polo Rexistro Europeo de Axencias de Calidade (EQAR), os días 7 e 8 de outubro en Madrid.
O seminario, que contou coa asistencia de máis de 100 persoas, tivo como finalidade analizar o estado actual do proxecto DEQAR, así como as futuras accións a levar a cabo en relación co mesmo. Este proxecto, no cal ACSUG leva participando desde o ano 2017, está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e é coordinado polo EQAR. O seu obxectivo principal é poñer en marcha unha base de datos que facilite o acceso aos informes dos distintos procesos de avaliación universitaria levados a cabo polas axencias de calidade europeas
Reunión de otoño de ECA 2019
Os días 3 e 4 de outubro de 2019 levouse a cabo en Estocolmo (Suecia) a reunión de outono de 2019 do Consorcio Europeo de Acreditación (ECA). A ACSUG, que pertence ao organismo desde o 2013, estivo representada por un dos seus técnicos (Luis Velón), que participou, como ven sendo habitual, na reunión xeral do organismo e nas xuntanzas do grupo de traballo sobre recoñecemento mutuo e títulos conxuntos e do grupo de traballo sobre innovación no aseguramento da calidade e acreditación. Hai que destacar ademais que o representante da ACSUG foi nomeado para formar parte do comité de finanzas de ECA por un período dun ano.
ACSUG Participou nun seminario para axencias recentemente avaliadas por ENQA en Porto (Portugal)
ACSUG participou nun seminario organizado pola Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA), ao cal foron invitadas as axencias que foron avaliadas recentemente por ENQA. O seminario celebrouse os días 1 e 2 de outubro de 2019 en Porto (Portugal).
Durante este seminario tratáronse temas moi interesantes relacionados co proceso de avaliación cíclico (cada 5 anos) que as axencias membros de ENQA deben levar a acabo: autoavaliación, valor engadido para as axencias que son avaliadas por segunda vez e posteriores, aspectos específicos sobre o análise temático, como responder ás recomendacións do informe final ou a preparación do informe de progreso e visita de seguimento.
As conclusións do seminario foron moi positivas, non só para ENQA á hora de poder axustar diversos aspectos do proceso de avaliación, senón tamén para as axencias presentes no evento, que puideron compartir as súas experiencias e aprender das boas prácticas comentadas nos dous días de xuntanza.
O Director da ACSUG participa no curso de verán da UIMP en Santander
Organizado pola Rede de Axencias de Calidade Universitaria (REACU) e coordinado pola Axencia de Castela e León (ACSUCyL), tivo lugar na Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Santander un curso de verán baixo o título de “Aseguramento da calidade e reforma da ordenación das ensinanzas universitarias”, do 10 ao 12 de setembro. O tema a tratar era de sumo interese e suscitou a presencia do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, na persoa do seu Secretario Xera lde Universidades, o Prof. José Manuel Pingarrón, así como a de varios reitores e vicerreitores, ademais dos responsables da dirección das axencias españolas para a calidade universitaria.
Había gran expectación por escoitar de boca do Secretario Xeral como está o proceso de reforma do R.D. 1393/2007 e cal es el modelo de carreira docente que vai a propoñer o goberno. E a verdade que non defraudou en cuanto a expectativa, pero deixou a moitos con cara de sorpresa, porque, segundo el, xa está completamente elaborado o borrador desde o mes de xullo, e só á espera de que pasará co futuro goberno de España para tramitar unha nova lei de universidades, a LOSUE (Lei Orgánica do Sistema Universitario Español).
Durante dous días, reitores e reitoras, vicerreitores e vicerreitoras, debateron xunto cos responsables das axencias de calidade españolas sobre os diversos temas que mais preocupan neste momento para mellorar a calidade das universidades: a acreditación institucional e a acreditación das universidades e ensinanzas online, tema este último que contou coa presenza da vicerreitora e o vicerreitor da UNED e UOC respectivamente. Non faltou tampouco a perspectiva europea desde a visión xeral da rede de axencias que ofreceu o Presidente do EQAR (European Quality Assurance Register for Higher Education).
Xornada formativa na sede da ACSUG
O pasado día 10 de outubro, tivo lugar unha xornada formativa na sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), relativa á avaliación previa á asignación de retribucións adicionais relacionadas co complemento de recoñecemento a a excelencia curricular da Convocatoria do 2018, á que asistiron 6 membros do Comité de Humanidades, 5 membros do Comité de Educación Técnica, 5 membros do Comité de Ciencias Xurídicas e Sociais, 7 membros do Comité de Ciencias Experimentais e 7 membros do Comité de Ciencias da saúde
Convocatoria ordinaria de avaliación previa á contratación do profesorado polas universidades do SUG
Con data do 3 de setembro de 2019 publícase no DOG a Resolución do 9 de agosto de 2019 da Presidenta da ACSUG, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado universitario polas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.
- Acceso á aplicación informática para cubrir a solicitude.
- Pagamento de taxas administrativas para presentar a solicitude.
- Preguntas frecuentes
Fin prazo: 3 de outubro de 2019
Reunión anual de ECA 2019
Os días 7 e 8 de xuño de 2019 levouse a cabo en Riga (Letonia) a reunión anual de 2019 do Consorcio Europeo de Acreditación (ECA). A ACSUG, que pertence ao organismo desde o 2013, estivo representada por un dos seus técnicos, e participou, como ven sendo habitual, na reunión xeral do organismo e nas xuntanzas do grupo de traballo sobre recoñecemento mutuo e títulos conxuntos e do grupo de traballo sobre innovación no aseguramento da calidade e acreditación.
Convocatoria de avaliación previa á contratación de profesorado universitario 2019:
Convocatoria de avaliación previa á contratación de profesorado universitario 2019: Informase que está previsto que a convocatoria se publique no DOG a principios do mes de setembro deste ano, para evitar que o prazo de presentación das solicitudes coincida no mes de agosto.
Reunión entre a Axencia Chilena “ACREDITACCIÓN” e ACSUG
O 31 de maio de 2019, o director de ACSUG José Eduardo López Pereira e o presidente de AcreditAcción, José Miguel Rodríguez Sáez, reuníronse na sede de ACSUG en Santiago de Compostela, co obxectivo de explorar vías especificas de colaboración, tralo acordo marco subscrito previamente por ambas axencias.
Reunión en ACSUG con representantes do proxecto UNIREGOV
O 31 de maio de 2019, representantes de ACSUG reuníronse cunha investigadora do proxecto UNIREGOV, para contestar unhas preguntas e aportar información relevante para o principal obxectivo do proxecto, que é realizar un estudo comparado dos instrumentos, as axencias e as audiencias sobre os sistemas de gobernanza na Educación Superior.
Xuntanza Universidades SUG-ACSUG
O 16 de maio de 2019 celebrouse na ACSUG unha xornada na que participaron representantes das Escolas de Doutoramento, das áreas de calidade e dos vicerreitorados con competencias en xestión da calidade de centros e títulos das tres universidades galegas. O obxectivo fundamental da xornada foi tratar o programa de renovación da acreditación dos programas de doutoramento e deseñar un calendario de avaliación tendo en conta a moratoria establecida polo Real Decreto 103/2019 de 1 de marzo. Aproveitando a reunión tamén se trataron outros temas de interese que se foron detectando este curso 2018/2019 nos procesos de verificación e acreditación de títulos.
O director de ACSUG participa en CANFRANC nun simposio internacional coordinado por ACPUA
Celebrouse un Encontro Internacional nos Pireneos en Laboratorio Subterráneo de Canfranc (Huesca), os días 28 e 29 de maio organizado pola Axencia de Calidade e Prospectiva Universitaria de Aragón ( ACPUA). Directores de Axencias de Calidade Universitaria de España, entre eles o director de ACSUG, reitores de Universidades españolas e de Andorra, así como profesores e técnicos de diversas universidades españolas reuníronse en Canfranc para debater e intercambiar opinións sobre a Axenda 2030 de Nacións Unidas que pretende incorporar a dimensión social ao ensino superior.
Despois da presentación de diversos relatorios relativos a este tema, ao final do evento tivo lugar a presentación por parte de ACPUA dunha proposta de indicadores sobre cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) na avaliación institucional. É un primeiro paso para algo que, sen dúbida, terminará incorporándose nun futuro inmediato á avaliación dos diferentes títulos universitarios pola dimensión social que lle compete aos ensinos universitarios.
O Encontro foi presentado por Antonio Serrano, Director de ACPUA, e foi dedicado a José Ángel Villar, catedrático da Universidade de Zaragoza e avaliador distinguido de ACSUG ata o seu falecemento en 2017.
ACSUG Reacredita títulos en seis centros da universidade San Martín de Porres en Lima
Desde o 24 de decembro, e por resolución 210-2018- SINEACE/ CDAH- P, publicada no Diario Oficial El Peruanos o 24 de decembro de 2018, ACSUG é considerada Axencia acreditadora externa de Perú para os títulos de grao no devandito país. Paro xa desde o ano 2011 ACSUG viña outorgando un selo de calidade europea a algúns títulos impartidos nalgunhas universidades peruanas, como é o caso da Universidade San Martín de Porres en Lima.
Nesta ocasión desprazáronse a Lima 6 comisións, nomeadas por ACSUG, para reacreditar títulos da Facultade de Ciencias Administrativas e Recursos Humanos, Facultade de Ciencias Contables, Económicas e Financeiras, Escola Profesional de Ciencias da Comunicación, Escola Profesional de Enxeñería Civil, Escola Profesional de Arquitectura e Facultade de Dereito.
Ademais da acreditación dos títulos universitarios, ACSUG colabora coa devandita universidade no establecemento do sistema interno de garantía de calidade e na formación de avaliadores. Por esta razón, o director e tres técnicos da axencia, que actuaron como secretarios da comisións de acreditación, impartiron unha xornada de formación a 30 profesores da propia universidade interesados en formarse nos distintos procesos de avaliación de títulos universitarios.
Convocatoria ordinaria de 2018 para os complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora
Publícase hoxe, 21 de maio de 2019, a Resolución do 07 de maio de 2019, (DOG do 21 de maio 2019) pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento excelencia curricular docente e investigadora.
- Guía do solicitante
- Preguntas frecuentes
- Acceso á aplicación para cubrir a solicitude e os demais anexos.
O prazo de presentación de solicitudes será dende o día 22 de maio ata o día 18 de xuño, incluído.
A aplicación para cubrir a solicitude e anexos ESTARÁ ABERTA DENDE DÍA 22 DE MAIO
ATENCIÓN!
De acordo co establecido na convocatoria, deberá cubrirse telemáticamente a solicitude (anexo III) no modelo dispoñible a través da aplicación informática da ACSUG.. En aplicación do disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación de solicitudes (Pdf xenerado previamente na aplicación da ACSUG) deberá realizarse obrigatoriamene a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada.
CODIGO DO PROCEDEMENTO: ED701A
En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso da obtención dos formularios na sede electrónica, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.
ACSUG participou no 9º foro de ENQA en Tallin (Estonia)
ACSUG participou no 9º Foro da Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA), que se celebrou os días 25 e 26 de abril de 2019 na cidade de Tallin (Estonia).
Durante este foro tivo lugar, como ven sendo habitual, unha asemblea xeral do organismo, onde se trataron diversos asuntos, como o primeiro borrador do plan estratéxico 2021-2025 de ENQA, admisión e renovación de membros, informe do 2018 das finanzas do organismo ou a revisión da política de queixas de ENQA, entre outros.
Ademais da asemblea xeral tratáronse, a través de presentacións e mesas redondas, outros temas, como a iniciativa das universidades europeas, o futuro da educación superior e as expectativas das axencias de aseguramento da calidade para o desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior.
Hai que destacar tamén que se organizaron reunións en grupos pequenos para falar sobre o futuro Plan Estratéxico de ENQA 2021-2025 e realizouse un DAFO sobre o proceso de avaliación das axencias de calidade por parte de ENQA. O representante de ACSUG no foro colaborou na realización destas reunións.
AENOR realiza a auditoría de seguimento do ano 2019 do Sistema de Xestión da Calidade e o Medio Ambiente de ACSUG.
A Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) levou a cabo en febreiro de 2019 unha auditoría de seguimento do sistema de xestión de ACSUG. Segundo se reflexou no informe final da auditoría, o sistema de xestión de ACSUG mantense actualizado e implántanse as medidas necesarias para incidir na mellora das actividades. Hai que recordar que Sistema de Xestión de ACSUG está certificado segundo as normas ISO 9001, ISO 14001 e Regulamento EMAS. Ao ser AENOR membro de IQNet, as certificacións obtidas por ACSUG son recoñecidas internacionalmente.
ECA Winter seminar 2019
Os días 19 e 20 de febreiro de 2019 levouse a cabo en Colonia (Alemaña) o Winter Seminar 2019 do Consorcio Europeo de Acreditación (ECA). A ACSUG, que pertence ao organismo desde o 2013, estivo representada por un dos seus técnicos, e participou, como ven sendo habitual, na reunión xeral do organismo e nas xuntanzas do grupo de traballo sobre recoñecemento mutuo e títulos conxuntos e do grupo de traballo sobre innovación no aseguramento da calidade e acreditación.
Convocatoria ordinaria 2018 para os complementos de recoñecemento polos cargos de xestión
Publícase hoxe, 18 de marzo de 2019, a Resolución do 08 de marzo de 2019, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dende o día 20 de marzo de 2019 ata o día 16 de abril de 2019, incluído.
Complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador. Convocatoria ordinaria 2018
Publícase hoxe, 6 de marzo de 2018, a Resolución do 21 de febreiro de 2019, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador e ábrese o prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dende o día 7 de marzo de 2019 ata o día 4 de abril de 2019 incluído.
ATENCIÓN
Antes da finalización da presentación da solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia recorde que, é obrigatorio cumprimentar e xerar en formato PDF a dita solicitude (anexo I) a través da aplicación informática de ACSUG.
De aplicación co disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación de solicitudes deberá cubrirse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED701B
En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso da obtención dos formularios na sede electrónica de la Xunta, poderán dirixirse ao número de teléfono de información 012 ou no enderezo correo electrónico 012@xunta.gal do Centro de Atención aos Usuarios - CAU
ACSUG finaliza a fase de autoavaliación do proceso de avaliación externa por parte de ENQA
ACSUG, membro de ENQA desde o ano 2009, está actualmente inmersa, tras 5 anos desde a última avaliación externa por parte de ENQA, nun novo proceso de avaliación internacional.
Relacionado con este proceso, ACSUG finalizou en xaneiro de 2019 a fase de autoavaliación, coa emisión dun informe, no que se inclúen as principais conclusións da análise interno levado a cabo.
O contido deste informe de autoavaliación será a continuación analizado polo comité externo que visitará ACSUG entre os días 20 a 22 de marzo de 2019.
Xornada de formación para avaliadores de títulos
O 16 de xaneiro de 2019 celebrouse na sede de ACSUG unha Xornada de Formación para as Comisións de Avaliación que participan nos procesos de verificación, modificación, seguimento e acreditación de títulos oficias do Sistema Universitario de Galicia. Na xornada participaron un total de 16 avaliadores entre vogais académicos, profesionais e estudantes.
ACSUG foi recoñecida como axencia acreditadora externa en Perú
Segundo resolución de Presidencia do Consello Directivo Ad hoc do Ministerio de Educación de Perú, tras o Informe emitido pola Dirección de Avaliación e Acreditación de Educación Superior Universitaria do SINEACE (Sistema Nacional de Avaliación, Acreditación e Certificación da Calidade Educativa), con data 24 de decembro, ACSUG foi autorizada como axencia acreditadora para programas de estudos de pregrao no ámbito de Educación Superior Universitaria de Perú por un período de cinco anos.
A resolución, publicada no Diario Oficial O Peruano o 24 de decembro de 2018, é o resultado dos sete anos que ACSUG vén avaliando títulos en universidades peruanas para outorgar un selo de calidade universitaria que, a partir de agora “pola evidencia de desenvolver procedementos de acreditación equivalentes aos establecidos polo SINEACE”, segundo recolle a mencionada resolución, terán carácter e valor administrativo.
Desta forma, ACSUG convértese na primeira Axencia europea para a calidade universitaria en ser recoñecida como axencia externa de acreditación en Latinoamérica.