Presentación da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011”. Venres día 11 de decembro ás 11:00 horas na sede da ACSUG.
11/12/2015
O venres día 11 de decembro ás 11:00 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación da publicación:”ESTUDO DA INSERCIÓN LABORAL DOS TITULADOS UNIVERSITARIOS NO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA 2010-2011”. No acto intervirán o Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a presidenta e o director da ACSUG.
A ACSUG presenta a publicación do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011”, complementando a serie temporal de estudos de inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia, onde se recollen os resultados acadados na novena enquisa realizada en decembro de 2013 aos titulados universitarios no SUG. A mostra enquisada neste último estudo representa arredor dun 55% da poboación total, 5.114 titulados en estudos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, arquitectura, enxeñarías técnicas e arquitectura técnica) e, por primeira vez, graduados. Nesta ocasión xa podemos falar dunha pequena representación de primeiras cohortes de titulados nos plans de estudo adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), aínda que a maioría dos graduados son de anteriores estudos de 1º e 2º ciclo que, posteriormente, realizaron un curso ponte para obteren o título de grao.
Os obxectivos principais deste estudo coinciden cos dos anteriores estudos realizados pola ACSUG sobre a mesma temática, que se estruturan en dous temas principais: a obtención de información sobre a percepción dos titulados con respecto a súa formación e a súa universidade e a obtención de información sobre a busca de emprego e a súa situación laboral actual do titulado.
Convocatoria ordinaria do 2015 para os complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora
10/12/2015
Con data de 10 decembro de 2015 publícase a Resolución do 19 de outubro de 2015 (DOG do 10 de decembro de 2015), pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo para presentar as solicitudes ábrese o 11 de decembro de 2015 e remata o día 9 de xaneiro de 2016.
Convocatoria ordinaria 2015 para os complementos de recoñecemento ao labor docente, e ao labor investigador
10/12/2015
Publícase hoxe 10 de decembro de 2015 a Resolución do 15 de outubro de 2015, (DOG de 10 de decembro de 2015) pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente, e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo para a presentación das solicitudes ábrese mañá día 11 de decembro de 2015 e remata o día 9 de xaneiro de 2016.
Tendo en conta o carácter individual e consolidable dos complementos, OS PROFESORES AOS QUE XA SE LLES CONCEDERA EN ANTERIORES CONVOCATORIAS A VALORACIÓN POSITIVA POR PARTE DA ACSUG, NON TERÁN QUE VOLVER A SOLICITALOS.
Convocatoria ordinaria 2015 para os complementos de recoñecemento polos cargos de xestión.
10/12/2015
Publícase hoxe, 10 de decembro de 2015, a Resolución do 16 de outubro de 2015 (DOG do 10 de decembro de 2015) pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e ábrese o prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo para a presentación das solicitudes ábrese mañá día 11 de decembro e remata o día 9 de xaneiro de 2016.
A ACSUG asiste ao 10º European Quality Assurance Forum (EQAF) en Londres
19/11/2015
A ACSUG asiste ao 10º European Quality Assurance Forum (EQAF), que ten lugar entre o 19 e 21 de novembro de 2015 en Londres. O EQAF é un foro anual que permite o intercambio de experiencias sobre a educación superior por parte de todos os grupos de interese: alumnos, universidades, axencias de calidade universitaria, etc.
Informe sobre o estado da avaliación externa da calidade nas universidades españolas 2014
10/11/2015
ANECA e as axencias de calidad autonómicas publican o Informe sobre el estado de la evaluación externa de la calidad en las universidades españolas correspondiente al año 2014.
O informe que aquí se presenta é o oitavo dunha serie de informes iniciada en 2007 destinados ao Ministerio de Educación co obxectivo fundamental de informar sobre o desenvolvemento dos procesos de avaliación, certificación e acreditación en España no eido da educación universitaria.
Ver informe
Programa FIDES-AUDIT. Fase de certificación da implantación dos SGC
19/10/2015
Publícase a convocatoria para a solicitude de participación dos centros no proceso de Certificación da Implantación dos SGC. O prazo para o envío das solicitudes comeza o día 26/10/2015 e finaliza o 26/11/2015. As universidades interesadas deberán cubrir a solicitude de participación.
5ª convocatoria de Implantación do Programa DOCENTIA na UDC
14/10/2015
Xornada dirixida aos Comités de Avaliación
O 14 de outubro celébrase na ACSUG unha xornada de formación dirixida aos membros dos Comités de Avaliación (profesorado e estudantes) que participan na 5ª convocatoria de Implantación do Programa DOCENTIA na Universidade da Coruña. Os obxectivos da xornada son: informar aos Comités do estado actual no que se atopa o Programa DOCENTIA a nivel galego e nacional, coñecer polo miudo o manual de avaliación da actividade docente da UDC e familiarizarse co aplicativo informático deseñado por ACSUG para o desenvolvemento deste programa.
A xestión ambiental da ACSUG é recoñecida pola Comisión Europea
05/10/2015
No ano 2015, para celebrar o 20 aniversario do comezo dos rexistros no sistema de xestión ambiental EMAS, a Comisión Europea decidiu recoñecer á ACSUG co certificado bronce. Este certificado outórgase a aqueles organismos que levan inscritos ininterrompidamente durante 5 anos no rexistro EMAS, resaltando así a súa contribución na mellora continua do Medio Ambiente.
Publicación comités de asesores expertos – Acreditación 2015
22/09/2015
Tendo en conta as competencias outorgadas pola normativa de aplicación, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) procédese á publicación da composición dos comités de asesores expertos constituídos ao abeiro coa convocatoria publicada o 2 de marzo de 2015 (DOG de 30 de abril de 2015), de avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Xuntanzas na ACSUG cos Vicerreitorados de Títulos e Áreas de Calidade das universidades de Galicia
17/07/2015
Os días 23 de xuño e 10 de xullo de 2015 os Vicerreitorados de Títulos e Áreas de Calidade das Universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) foron convocados pola ACSUG a dúas xuntanzas para tratar os seguintes temas:
- Verificación de títulos oficiais.
- Seguimento de títulos oficiais.
- Renovación da acreditación de títulos oficiais: planificación dos cursos 2015/2016 e 2016/2017.
- Programa FIDES-AUDIT: Deseño dos Sistemas de Garantía de Calidade (SGC) e Guía de Certificación.
Presentación da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados en másteres no sistema universitario de Galicia 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010”.
27/05/2015
O luns día 01 de xuño ás 13:00 horas na sede da ACSUG tivo lugar a presentación da publicación:”Estudo da inserción laboral dos titulados en másteres no Sistema Universitario de Galicia 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010”. No acto interviñeron o Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a presidenta e o director da ACSUG.
Esta publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral dos titulados universitarios no Sistema Universitario de Galicia que se levan a cabo de forma periódica desde o ano 2001 na ACSUG. Coa nova estrutura dos estudos universitarios actuais, grao, máster e doutoramento, resulta indispensable dispor de información sobre a inserción laboral dos titulados de másteres. Por iso, no ano 2013, a Axencia iniciou este novo proxecto, ampliando o campo de estudo aos titulados en másteres no SUG, converténdose na primeira axencia a nivel nacional en realizar unha análise deste tipo.
O obxectivo principal deste informe é proporcionar información sobre os titulados universitarios en másteres no SUG, de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. A información recabada contempla as seguintes temáticas: valoracións sobre aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, análise da motivación principal para realizar estudos de másteres e valoracións sobre a experiencia laboral, antes e despois da realización do máster.
A ACSUG renova as certificacións do seu Sistema de Xestión da Calidade e do Medio Ambiente nas normas ISO 9001, ISO 14001 e Regulamento EMAS ata o 2018.
12/05/2015
A empresa AENOR levou a cabo en xaneiro de 2015 a auditoría externa de renovación da certificación do sistema de xestión da ACSUG. Como resultado da auditoría, a ACSUG conseguiu a renovación por 3 anos máis ata 2018, das certificacións na norma ISO 9001, norma ISO 14001 e regulamento EMAS. Ao ser AENOR membro de IQNet, as certificacións obtidas son recoñecidas internacionalmente.
ACSUG colabora na celebración do I Simposio Internacional Aprendizaxe-Servizo na Educación Superior. Innovación, Calidade e Institucionalización.
30/04/2015
Trátase do primeiro evento internacional sobre a Aprendizaxe-Servizo na Educación Superior que ten lugar en Galicia. Este Simposio supón unha boa oportunidade para que o profesorado das universidades de Galicia contraste puntos de vista, coñezan experiencias e todos podamos reflexionar sobre o desafío da súa prudente institucionalización.
A información necesaria ofrécese nos seguintes enlaces:
Programa
Resolución DOG
Realización de matrícula
A ACSUG asiste ao ENQA members’ forum en Córdoba
30/04/2015
Os días 16 e 17 de abril de 2015 tivo lugar o 5º Foro de Membros da Asociación Europea para a Garantía da Calidade na Educación Superior (ENQA) en Córdoba. O director da ACSUG asistiu a esta reunión na cal se trataron importantes temas relacionados con ENQA. Durante a xuntanza, fíxose a presentación dos resultados dun grupo de traballo no que está colaborando ACSUG.
Avaliación de centros universitarios na Universidade Andina Néstor Cáceres Velásquez, Juliaca, Perú
14/04/2015
A ACSUG levou a cabo o proceso de avaliación e certificación da Carreira Académico Profesional de Contabilidade, na Facultade de Ciencias Contables Universidade Andina Néstor Cáceres Velásquez (UANCV), Juliaca, Perú. O Director de ACSUG, D. Eduardo López Pereira, asistiu e pronunciou a conferencia de apertura de curso na devandita universidade, e fixo entrega ás autoridades académicas, presididas polo Sr. Rector, D. Victor Julio Huamán Meza, da certificación de acreditación da devandita carreira.AMPLIAR NOVA
A ACSUG organizou unha xornada de formación para representantes da Universidade Andina Néstor Cáceres Velásquez de Perú
24/03/2015
A Universidade Andina Néstor Cáceres Velásquez (UANCV) de Perú e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) asinaron en novembro do ano 2012 un convenio de colaboración mediante o cal a ACSUG levará a cabo actividades de avaliación e certificación nesta universidade.
O día 20 de febreiro de 2015 organizouse na sede da ACSUG unha xornada de formación á que asistiron 30 representantes da UANCV. Nestas xornadas fíxose en primeiro lugar unha descrición das principais actividades de avaliación que realiza a ACSUG, para posteriormente centrarse na metodoloxía dos procesos de avaliación externa a nivel internaciona que a ACSUG está levando a cabo.
Fase III do Programa de Renovación da Acreditación de Títulos
17/03/2015
ACSUG inicia a Fase III do Programa de Renovación da Acreditación de Títulos da convocatoria 2014-2015 na que se realizará a visita a 15 centros das tres universidades do SUG que solicitaron a renovación da acreditación de 28 títulos. As visitas realizaranse entre o 16 de marzo e o 28 de abril de 2015.
Máis información
Auditoría externa de protección de datos
16/03/2015
O día 6 de febreiro de 2015 levouse a cabo na ACSUG unha auditoría externa por parte da consultaría LOPDAT, relativa ao cumprimento da normativa vixente en protección de datos. O resultado da mesma conclúe que a ACSUG realiza unha xestión adecuada e ten implantadas todas as medidas necesarias relativas á seguridade e protección de datos: ficheiros inscritos na Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), protocolo de copias de seguridade, xestión de soportes e documentos, control de acceso e xestión de contrasinais, etc.
Publicación sobre "Ferramentas de avaliación para a mellora da calidade de ensinanzas e centros de educación superior"
25/02/2015
A ACSUG, desde a súa creación no ano 2001, foi incrementando progresivamente o seu ámbito de actuación en canto aos procesos de avaliación realizados. Todas estas actividades xeraron un gran número de guías e ferramentas, que a ACSUG decidiu recompilar nun só documento para facilitar o seu manexo e a súa consulta.
Ver publicación
Fase II do Programa de Renovación da Acreditación de Títulos
20/01/2015
ACSUG inicia a Fase II do Programa de Renovación da Acreditación de Títulos da convocatoria 2014-2015 na que se realizará a visita a 12 centros das tres universidades do SUG que solicitaron a renovación da acreditación de 25 títulos. As visitas realizaranse entre o 19 de xaneiro e o 25 de febreiro de 2015.
Máis información