Actualidade

Xuntanza Universidades SUG-ACSUG

29/11/2022

O 20 de outubro de 2022 celebrouse na ACSUG unha reunión de coordinación na que participaron as persoas responsables das áreas de calidade e os vicerreitorados con competencias en xestión da calidade de centros e títulos das catro Universidades do SUG (UDC, USC, UVIGO e UIE). O obxectivo da xornada foi presentar a planificación e prazos das avaliacións de títulos e centros para o curso 2022-2023, a adaptación dos procedementos de avaliación aos decretos 640/2021 e 822/2021, así como a casuística da formación permanente nas universidades. Na reunión tamén se trataron outros asuntos de interese detectados nas avaliacións do curso 2021-202.

 

Presentación dos resultados de inserción laboral dos egresados das tres universidades galegas

17/11/2022

Como ven facendo a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, cunha periodicidade anual desde o ano 2005, hoxe presentáronse aos medios de comunicación os resultados da inserción laboral dos graduados universitarios do curso 2014-2015. Foron 9.155 os graduados ao remate dese curso, dos que se deu a coñecer cantos e cómo conseguiron o seu primeiro emprego, cal é o seu salario e o seu tipo de contrato, en qué lugar están a traballar e en qué traballan, se está ou non relacionado coa súa titulación, etc.

O acto de presentación contou coa presencia da presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, do director da mesma, Eduardo López Pereira, así como do secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro, para explicar estes e outros moitos datos, de sumo interese para as universidades, a administración e, especialmente, para os estudantes que se han incorporar aos seus estudos universtarios, así como para as súas familias, á hora de elexir aquela carreira que mellor lle conveña.

O acto tivo lugar na nova sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, no edifico Fontán, na Cidade da Cultura.

ACSUG celebrou os 21 anos da súa creación e a inaguración da súa nova sede

22/07/2022

O 12 de marzo de 2001 publicábase o decreto de creación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Nacía así a segunda axencia de calidade universitaria de España, que no ano 2009 era recoñecida tamén como membro de ENQA, conditio sine qua non, para poder verificar e acreditar títulos universitarios.

O COVID impediu que puidésemos celebrar o noso 20 aniversario o ano pasado, o que nos permitiu nesta ocasión conxugar a celebración de dúas efemérides: a creación como axencia e a inauguración dunha nova sede na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

O traballo e o esforzo realizado por ACSUG durante estes anos non foi en balde e, tanto as institucións universitarias como as do goberno de Galicia outorgáronlle á axencia a súa total confianza, autorizándoa e solicitándolle, non só o que vén establecido por lei, senón moitas outras avaliacións, como todo o relacionado con I+D+i, bolsas pre e postdoutorais, etc. E non só a Consellería de Educación, senón tamén a de Economía, a través dá a axencia galega de innovación, e a Consellería de Presidencia.

Para todo o persoal técnico de ACSUG foi unha gran satisfacción sentirse arroupados ese día por tanto representantes da sociedade civil, política e universitaria, que acudiron ao edificio Fontán, sede de ACSUG, para a celebración destes 21 anos.

O esforzo valeu a pena e o compromiso de ACSUG co sistema universitario de Galicia incrementouse para seguir mellorando durante outros 20 anos.

O noso agradecemento a todos por tanto afecto como nos mostraron nesta efeméride.

 

O consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia celebra o seu 21 aniversario

14/07/2022

Acto do vixésimo primeiro aniversario da súa creación e a inauguración da súa nova sede, baixo a presidencia do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Román Rodríguez González

que se celebrará o día 19 de xullo de 2022, ás 10:00 horas, no Salón de Actos do Edificio Fontán

Conferencia inaugural:

“O reto do deseño, seguimento e avaliación dos resultados de aprendizaxe nos títulos universitarios”

Prof. Gregorio Rodríguez Gómez. Universidade de Cádiz

Convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación do profesorado universitario polas universidades do SUG

22/06/2022

Con data do 22 de xuño 2022 publícase no DOG a Resolución do 9 de xuño de 2022 da Presidenta do consorcio ACSUG, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado universitario polas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

Acceso á aplicación informática para cubrir a solicitude.

Pagamento de taxas administrativas para presentar a solicitude.

Preguntas frecuentes.

Fin prazo: 21 de xullo de 2022

Aviso cambio de domicilio

04/05/2022

O 6 de maio de 2022 realizarase o traslado ás novas instalacións. Ese día a comunicación vía telefónica coa ACSUG non será posible. Se necesita poñerse en contacto, fágao a través do correo electrónico.

A partir do 9 de maio de 2022, a oficina do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, estará situada no seguinte enderezo:

Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia
Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n
Edificio Fontán, 2º andar
15707 Santiago de Compostela

As direccións de correo electrónico oficiais continuarán sendo as mesmas e manteremos os mesmos número de teléfono.

Atentamente

José Eduardo López Pereira

Director do consorcio ACSUG

Edificio Fontán

Convocatoria ordinaria 2021 para os complementos de recoñecemento á excelencia curricular

22/03/2022

Hoxe 22 de marzo do 2022, publícase no DOG, a Resolución de 11 de marzo do 2022 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular e se abre o prazo de presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria do 2021 (código de procedemento administrativo ED701A).

Guía do solicitante

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 23 de marzo ata o día 21 de abril incluído.

A aplicación para cumprimentar a solicitude e anexos estará ABERTA desde o 23 marzo

ATENCIÓN!

Dacordo co establecido na convocatoria, deberá cubrir telemáticamente a solicitude (anexo III) no modelo dispoñible a través da aplicación informática da ACSUG. Conforme ao disposto nol artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a presentación das solicitudes (PDF xerado previamente na aplicación da ACSUG) deberá realizarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada.

CODIGO DO PROCEDEMENTO: ED701A

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

XORNADA TÉCNICA SOBRE O PROCESO DE AVALIACIÓN EXTERNA DE GRUPOS DE INVESTIGACIÓN.

08/03/2022

O día 7 do actual mes de marzo celebrouse na sede de ACSUG unha xornada sobre o proceso de avaliación dos grupos de investigación que concorren ás axudas que anualmente convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Universidades, na que participaron 22 expertos, algúns dos cales levan ata dez anos formando parte dos comités de avaliación nos devanditos procesos.

A xornada, que se prolongou durante toda a mañá, analizou os programas de consolidación e estruturación de unidades competitivas que cada ano concorren para obter algunha das axudas para desenvolver os seus proxectos de investigación. O obxectivo desta reunión, dirixida polos expertos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Axencia Galega de Innovación ( GAIN), foi o de atopar os instrumentos de traballo para a definición, impulso e posta en marcha dos mecanismos de reflexión e análise que permitan mellorar o programa, despois de facer unha análise e diagnóstico do sistema de I+D+i que desde hai varios anos vén desenvolvendo a Xunta de Galicia.

   

Xuntanza Universidades SUG-ACSUG

18/02/2022

O 20 de decembro de 2021 celebrouse na ACSUG unha xornada na que participaron os representantes das áreas de calidade e vicerreitorados con competencias en xestión da calidade de centros e títulos das catro Universidades do SUG (UDC, USC, UVIGO e UIE). O obxectivo da xornada foi presentar a planificación e prazos das avaliacións de títulos e centros para o curso 2021-2022 aproveitando para comentar tamén as novidades xurdidas a raíz da publicación en setembro de 2021 do RD 822/2021 polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade. Na reunión tamén se trataron outros temas de interese que se foron detectando no curso 2020-2021 nos procesos de verificación e acreditación de títulos.

Publicación no DOG do protocolo de resolución de reclamacións e recursos interpostos ante ACSUG

15/02/2022

Con data 15 de febreiro do 2022 publícase no DOG a Resolución do 4 de febreiro de 2022, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), do 17 de decembro de 2021, polo que se aproba o protocolo no que se define o procedemento de resolución de reclamacións e recursos interpostos ante o consorcio ACSUG no ámbito das funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación.

Participación no proxecto ECALFOR

14/02/2022

En marzo de 2021, ACSUG asinou un acordo de asociación para colaborar no Proxecto “Evaluación de la formación del profesorado en América Latina y Caribe. Garantía de la calidad de los títulos de educación-ECALFOR” dentro do programa da Unión Europea Erasmus+. Trátase dun proxecto integrado por un consorcio internacional de 19 institucións de 9 países de Latinoamérica, Caribe e Europa, coordinado polo Dr. Oswaldo Lorenzo Quiles e liderado por un grupo de profesores e profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Melilla (Universidade de Granada). O director de ACSUG, J. Eduardo López Pereira, e tres técnicos están participando activamente neste proxecto, que rematará en 2024.

Na primeira fase do proxecto, entre febreiro e xullo de 2021, ACSUG colabora en dúas tarefas do proxecto:

  •  Avaliación comparativa dos Sistemas de Calidade en institucións de Latinoamérica e o Caribe
  •  Avaliación comparativa dos títulos de formación do profesorado latinoamericanos e europeos

A partir de setembro de 2021 iníciase a segunda fase co desenvolvemento do Paquete de traballo 2, no que ACSUG participa nas tarefas:

  • Adaptación de protocolos para a creación e implementación das Unidades de Calidade
  • Creación de MOOC de formación: edición de vídeos tutoriais formativos para a formación dos socios acerca da posta e marcha das Unidades de Calidade

Máis información sobre o proxecto ECALFOR (vincular a este link: https://ecalfor.eu)

Complemento de recoñecemento polos cargos de xestión 2021

14/02/2022

Hoxe 14 de febreiro do 2022, publícase no DOG, a Resolución do 1 de febreiro do 2022 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria do 2021 (código de procedemento administrativo ED701C).

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 15 de febreiro ata o día 14 de marzo incluido.

A aplicación para cumprimentar a solicitude e anexos estará ABERTA desde o 15 de febreiro.

ATENCIÓN!

Dacordo co establecido na convocatoria, deberá cubrir telemáticamente a solicitude (anexo II) no modelo dispoñible a través da aplicación informática da ACSUG. Conforme ao disposto nol artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a presentación das solicitudes (PDF xerado previamente na aplicación da ACSUG) deberá realizarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada.

CODIGO DO PROCEDEMENTO: ED701C

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

Participación da ACSUG no Seminario "Enfoques e experiencias no deseño e avaliación de resultados de aprendizaxe nas titulacións universitarias"

14/02/2022

O 4 de febreiro de 2022, a ACSUG participou no Seminario: Enfoques e experiencias no deseño e avaliación dos resultados da aprendizaxe en graos universitarios, dentro do Proxecto FLOASS.

O Seminario estruturouse en tres mesas redondas nas que se expuxeron os principais resultados das percepcións e experiencias do profesorado e do alumnado universitario sobre a avaliación dos resultados de aprendizaxe nas universidades participantes no Proxecto.

Tamén serviu como espazo de debate sobre o aliñamento entre competencias, resultados de aprendizaxe e medios de avaliación no deseño e seguimento de títulos de mestrado.

Xornada de formación para avaliadores de títulos

14/02/2022

O 10 de febreiro de 2022 celebrouse unha Xornada de Formación para as Comisións de Avaliación de títulos oficias de grao, máster e doutoramento do Sistema Universitario de Galicia. A xornada desenvolveuse nun formato mixto (presencial/virtual) e nela participaron un total de 62 avaliadores entre vogais académicos, profesionais e estudantes que participan nos procesos de verificación, modificación, seguimento e acreditación.

Tras unha breve presentación institucional, realizouse unha exposición sobre os criterios de avaliación dos distintos procedementos e clausurouse a xornada cunha mesa redonda onde se debateron os cambios máis substanciais derivados da entrada en vigor do novo RD 822/2021 polo que se establece a nova organización das ensinanzas universitarias.

Complemento de recoñecemento ao labor docente, e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador 2021

09/02/2022

Hoxe 9 de febreiro do 2022, publícase no DOG a Resolución do 26 de xaneiro do 2022 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente, e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria do 2021 (código de procedemento administrativo ED701B).

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 10 de febreiro ata o día 9 de marzo incluídos.

A aplicación para cumprimentar a solicitude e anexos estará ABERTA desde o 10 de febreiro.

ATENCIÓN!

Dacordo co establecido na convocatoria, deberá cubrir telemáticamente a solicitude (anexo I ) e as memorias de autoevaluación (anexos II.A e II.B ) nos modelos dispoñibles a través da aplicación informática da ACSUG. Conforme ao disposto nol artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a presentación das solicitudes (PDF xerado previamente na aplicación da ACSUG) deberá realizarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada.

CODIGO DO PROCEDEMENTO: ED701B

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

Visita da directora de ANECA a ACSUG

28/01/2022

A directora de ANECA, Mercedes Siles, visitou o pasado martes, día 25, a sede de ACSUG para intercambiar co director da axencia galega, Eduardo López Pereira, diversas opinións sobre o estado actual dos procedementos de acreditación da calidade do sistema universitario, despois da publicación do Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro.

A normativa regulada polo mencionado RD altera notablemente os procedementos e métodos de avaliación das titulacións universitarias, tanto no que respecta a a verificación como á acreditación, razón pola cal as diversas axencias españolas de calidade universitaria levan meses traballando no establecemento dos novos procesos de avaliación.

Mención especial mereceu nesta entrevista o tema do programa Docentia para a avaliación do profesorado universitario, no que a ACSUG sempre estivo implicada desde o ano 2007 en que formalizou un convenio de colaboración mutua entre as dúas axencias para o desenvolvemento do devandito programa. As tres universidades galegas participan, aínda que a distinto nivel de implantación, no desenvolvemento do devandito programa, que pode ter consecuencias inmediatas se, como pretende ANECA, chega a crearse un sexenio de docencia para o profesorado universitario

Publicación Protocolos REACU de avaliación de títulos oficiais

21/01/2022

A Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU) publica os protocolos xerais de aseguramento da calidade (criterios básicos e orientacións xerais) referentes á Verificación e Modificación de plans de estudos de títulos oficiais, para dar resposta á nova normativa aprobada en 2021 – Real Decreto 822/2021 de 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, e Real Decreto 640/2021, de 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios.

A partir destes protocolos e de conformidade con eles, a ACSUG desenvolverá as súas propias guías de avaliación.

REACU publica tamén unha nota informativa onde presenta o catálogo de protocolos elaborados e pendentes de elaboración:

Xuntanza do Consello Asesor de ACSUG

05/01/2022

O Consello Asesor é o principal órgano consultivo de ACSUG e reúnese, como mínimo, cunha periodicidade anual para analizar as actividades da axencia e propoñer accións e cambios que incidan na mellora continua.

Debido á situación motivada pola COVID-19, o 17 de decembro de 2021 celebrouse, de forma mixta (presencial-telemática), unha xuntanza do órgano, na que se deu conta, por parte do director de ACSUG, das actividades desenvolvidas ao longo do 2021 nas especiais circunstancias en que tivo actuar a Axencia debido á pandemia aínda presente. Ademais, presentouse un borrador do novo código ético, de aplicación en todas as actividades de ACSUG, para a súa análise e posible mellora

FOTO1 FOTO2