• Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Que é a ACSUG

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), créase o 30 de xaneiro de 2001 baixo a figura xurídica dun consorcio entre a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas. Está dotada de personalidade xurídica plena e ten a independencia necesaria para poder desenvolver os seus obxectivos co máximo rigor e con pleno respecto á autonomía universitaria.

A ACSUG nace coa vontade de conseguir que o Sistema Universitario de Galicia alcance un gran prestixio e recoñecemento dentro do contexto universitario nacional, europeo e internacional.

Para a creación desta Axencia se parte de dous puntos de vista: o primeiro é o principio de que o novo programa de financiamento terá en conta a calidade das universidades, destinando unha parte dos recursos á mellora do ensino, xestión, etc.; o segundo é o das experiencias previas no campo da avaliación das novas tendencias internacionais e, fundamentalmente, das recomendacións do Consello de Europa, sobre cooperación europea para a garantía da calidade no ensino superior.

Preténdese que as universidades galegas caracterícense, por un lado, polo desenvolvemento da súa autonomía, dando resposta ás necesidades socioeconómicas e culturais concretas e específicas que xurdan no contexto inmediato da Comunidade Autónoma de Galicia e, por outro lado, pola integración de forma competitiva no contexto universitario nacional e internacional. Estes dous puntos resúmense en: autonomía para impulsar as súas características diferenciadoras e integración para impulsar a innovación e o desenvolvemento.

Coa ACSUG créase un marco de colaboración e coordinación entre a Administración, as universidades galegas e outros organismos de Educación Superior e avaliación da calidade, tanto nacionais como internacionais, para intercambiar opinións, debater e xuntar esforzos que, sen dúbida, redundarán na mellora da calidade e no prestixio do noso sistema universitario.