O Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) trae consigo un novo escenario universitario caracterizado por un cambio educativo no que destacan aspectos importantes como a dotación dunha maior responsabilidade ao estudante sobre a súa propia aprendizaxe, baseado nunha formación por competencias, na incentivación da mobilidade de toda a comunidade universitaria ou na necesidade de levar a cabo a rendición de contas á sociedade, entre outras.
Neste novo contexto de traballo, a Asociación Europea para o Aseguramento da Calidade da Educación Superior (European Association for Quality Assurance in Higher Education, ENQA) en 2005, por instancias dos ministros signatarios, achega o documento que contén os criterios e directrices para a garantía da calidade das universidades no Espazo Europeo de Educación Superior, onde se concretan as recomendacións esenciais para levar a cabo o pretendido proceso de harmonización universitario.
No ámbito nacional, a Lei Orgánica 4/2007 do 12 de abril, pola que se modifica a Ley Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece unha nova estrutura das ensinanzas e títulos universitarios españois, en consonancia cos obxectivos establecidos para a construción do EEES.
O Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polos reais decretos 861/2010, do 2 de xullo, e polo 534/2013, do 12 de xullo, no que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e o Real Decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, establecen o marco normativo para a ordenación e verificación de ensinanzas oficiais.
Segundo o establecido na dita normativa, as propostas de novas titulacións oficiais deben someterse a un proceso de avaliación previo á verificación. Neste proceso, as axencias de calidade son as responsables de realizar a avaliación previa e emitir un informe vinculante para o Consello de Universidades, que é o órgano responsable da verificación dos novos títulos.
A normativa establece que poderán realizar a avaliación previa dos plans de estudos a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación e os órganos de avaliación que as leis das comunidades autónomas determinen e que cumpran cos criterios e estándares de calidade establecidos no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES): ser membros de pleno dereito de ENQA e estar inscritos no Rexistro Europeo de Axencias de Calidade (EQAR).
A ACSUG ten as atribucións legais e a competencia técnica para realizar a avaliación previa á verificación das ensinanzas oficiais de grado, máster e doutoramento na Comunidade Autónoma de Galicia.