O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia (ACSUG) celebrou recentemente unha xuntanza de traballo na que participaron representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como os coordinadores dos paneis de persoas expertas encargadas das avaliacións e persoal técnico da propia axencia.
O encontro tivo como obxectivo reforzar a coordinación entre os distintos axentes implicados nos procesos de avaliación, compartir criterios e avanzar na planificación das actuacións previstas para o presente ano, incluíndo a definición do calendario de avaliacións.
No marco desta reunión abordouse tamén o volume de solicitudes previsto nos distintos procedementos vinculados ao ámbito da I+D+i. En concreto, estímase a recepción de arredor de 190 solicitudes no programa de axudas á etapa posdoutoral, unhas 30 solicitudes para completar esta etapa e máis de 190 solicitudes no ámbito das axudas a grupos e proxectos de investigación, distribuídas nas diferentes modalidades.
Este elevado número de solicitudes reflicte o dinamismo do sistema galego de investigación e supón un reto organizativo que require dunha planificación rigorosa e dunha estreita colaboración entre ACSUG e os paneis de avaliación.
ACSUG continúa así a traballar de maneira coordinada cos distintos organismos implicados co fin de garantir a calidade, a obxectividade e a transparencia nos procesos de avaliación, contribuíndo ao fortalecemento do sistema universitario e científico de Galicia.
