ACSUG celebra unha xornada de formación sobre o proceso de acreditación internacional de titulacións universitarias

A xornada, celebrada o martes 27 de xaneiro, estivo dirixida á formación dos membros das Comisións de Avaliación Externa nomeados pola ACSUG para a avaliación de títulos de grao e mestrado da Universidade de San Martín de Porres (USMP), do Perú —académicos, profesionais e estudantes—. O obxectivo principal foi que as persoas avaliadoras coñezan o modelo e as ferramentas de avaliación, así como afondar nos conceptos, nas distintas fases do proceso e nos criterios de avaliación.

Cómpre salientar que, desde hai anos, ACSUG vén expandindo en América Latina o sistema europeo de educación superior, o que mereceu unha referencia de excelencia por parte de ENQA, e que, no caso concreto do Perú, é axencia acreditadora autorizada para programas de estudo de pregrao no ámbito da Educación Superior Universitaria.