O ano 2025 marca unha nova etapa de traballo e de proxección da ACSUG cara o futuro, trala certificación de EQAR e de ENQA de acreditación para os próximos catro anos e a aprobación dun novo Plan Estratéxico 2025-2030, é dicir, para os próximos 5 anos.
A visita e avaliación de ENQA en 2024 foi moi esixente, pero foi tamén un revulsivo e creou unha conciencia de compromiso da ACSUG por mellorar ela mesma internamente e contribuír á mellora da calidade das nosas universidades galegas.
Nada máis rematar a visita de ENQA, a Axencia puxo mans a obra para conformar un Plan Estratéxico no que estivo profundamente implicado o persoal da ACSUG, que elaborou un primeiro borrador, sometido logo a consulta do Consello Asesor e do Consello Reitor, que fixeron observacións moi importantes, do que se beneficiou moi oportuna e convenientemente a redacción última, que foi finalmente aprobada polo Consello Reitor na súa sesión de 15 de xullo do presente ano 2025.
Iniciamos así un novo ciclo, tralo o recoñecemento e acreditación de EQAR e ENQA, en excelentes condicións para mellorar o funcionamento interno e externo da Axencia, coa satisfacción do traballo ben feito, co recoñecemento europeo e coa disposición a traballar no ámbito da calidade universitaria, non só en Europa, senón tamén en América Latina, labor amplamente recoñecido por ENQA pola importancia de expandir a esa parte do mundo os criterios europeos de educación superior e de contribuír á mellora do sistema latinoamericano de educación superior. Neste sentido, compre engadir que, ademais da pertenza da ACSUG á rede INQAAHE, xa está solicitada a pertenza a RIACES (Red Iberoamericana de Agencias de Calidad de Educación Superior) trala solicitude da Secretaria da devandita rede na que manifesta o seu desexo e satisfacción de que ACSUG poida formar parte da devandita rede porque “su compromiso con la calidad educativa es ampliamente reconocido”.