Como xa é habitual desde o ano 2010, a Axencia vén colaborando coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na avaliación dos distintos procesos relacionados coas convocatorias destinadas para os que optan a unha axuda postdoutoral ou de grupos de investigación: modalidade de grupos de referencia competitiva, grupos de potencial crecemento e programa de excelencia.
Co fin de mellorar e adaptar os criterios de valoración para mellorar a avaliación, a ACSUG coordinou unha reunión de profesores catedráticos de universidade, alleos ao sistema universitario de Galicia, na que a subdirectora da secretaría xeral de universidades, Irene Bonome, expuxo as liñas e directrices xerais do proceso, para logo escoitar as opinións e orientacións dos catedráticos asistentes.
Ademais dos 25 asistentes presencialmente, outros 5 fixérono por videoconferencia. Tras o intercambio de opinións e a introdución dalgunhas melloras, fixáronse os prazos para a realización de todo o proceso.