O director de ACSUG participa en CANFRANC nun simposio internacional coordinado por ACPUA

Celebrouse un Encontro Internacional nos Pireneos en Laboratorio Subterráneo de Canfranc (Huesca), os días 28 e 29 de maio organizado pola Axencia de Calidade e Prospectiva Universitaria de Aragón ( ACPUA). Directores de Axencias de Calidade Universitaria de España, entre eles o director de ACSUG, reitores de Universidades españolas e de Andorra, así como profesores e técnicos de diversas universidades españolas reuníronse en Canfranc para debater e intercambiar opinións sobre a Axenda 2030 de Nacións Unidas que pretende incorporar a dimensión social ao ensino superior.

Despois da presentación de diversos relatorios relativos a este tema, ao final do evento tivo lugar a presentación por parte de ACPUA dunha proposta de indicadores sobre cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) na avaliación institucional. É un primeiro paso para algo que, sen dúbida, terminará incorporándose nun futuro inmediato á avaliación dos diferentes títulos universitarios pola dimensión social que lle compete aos ensinos universitarios.

O Encontro foi presentado por Antonio Serrano, Director de ACPUA, e foi dedicado a José Ángel Villar, catedrático da Universidade de Zaragoza e avaliador distinguido de ACSUG ata o seu falecemento en 2017.