ACSUG participou no 9º foro de ENQA en Tallin (Estonia)

ACSUG participou no 9º Foro da Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA), que se celebrou os días 25 e 26 de abril de 2019 na cidade de Tallin (Estonia).

Durante este foro tivo lugar, como ven sendo habitual, unha asemblea xeral do organismo, onde se trataron diversos asuntos, como o primeiro borrador do plan estratéxico 2021-2025 de ENQA, admisión e renovación de membros, informe do 2018 das finanzas do organismo ou a revisión da política de queixas de ENQA, entre outros.

Ademais da asemblea xeral tratáronse, a través de presentacións e mesas redondas, outros temas, como a iniciativa das universidades europeas, o futuro da educación superior e as expectativas das axencias de aseguramento da calidade para o desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior.

Hai que destacar tamén que se organizaron reunións en grupos pequenos para falar sobre o futuro Plan Estratéxico de ENQA 2021-2025 e realizouse un DAFO sobre o proceso de avaliación das axencias de calidade por parte de ENQA. O representante de ACSUG no foro colaborou na realización destas reunións.