ACSUG foi recoñecida como axencia acreditadora externa en Perú

Segundo resolución de Presidencia do Consello Directivo Ad hoc do Ministerio de Educación de Perú, tras o Informe emitido pola Dirección de Avaliación e Acreditación de Educación Superior Universitaria do SINEACE (Sistema Nacional de Avaliación, Acreditación e Certificación da Calidade Educativa), con data 24 de decembro, a ACSUG foi autorizada como axencia acreditadora para programas de estudos de pregrao no ámbito de Educación Superior Universitaria de Perú por un período de cinco anos.

A resolución, publicada no Diario Oficial O Peruano o 24 de decembro de 2018, é o resultado dos sete anos que ACSUG vén avaliando títulos en universidades peruanas para outorgar un selo de calidade universitaria que, a partir de agora “pola evidencia de desenvolver procedementos de acreditación equivalentes aos establecidos polo SINEACE”, segundo recolle a mencionada resolución, terán carácter e valor administrativo.

Desta forma, a ACSUG convértese na primeira Axencia europea para a calidade universitaria en ser recoñecida como axencia externa de acreditación en Latinoamérica.