Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014 (EIL1314)” do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)

O luns 17 de setembro, o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou os resultados no SUG do ”Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014 (EIL1314)”. No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, Dona María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, Don José Eduardo López Pereira.

Neste informe, presentáronse os resultados acadados na duodécima enquisa, realizada á poboación titulada no curso académico 2013-2014 en xullo de 2017, aproximadamente aos tres anos despois de rematar o título. A poboación obxecto de estudo está centrada na poboación universitaria titulada en graos principalmente, e títulos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura e arquitectura técnica). Neste estudo detéctase un incremento na representatividade das tituladas e titulados en graos, en consonancia cos anos de implantación dos primeiros títulos de grao (2008-2009 e 2009-2010) froito do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), polo que practicamente ós 120 graos ofertados no curso académico 2013-2014 están representados neste estudo.

A mostra enquisada foi de 5.132 titulados sobre un total de 8.403, representando arredor dun 61,07% da poboación total.

Universidade Poboación Mostra
Universidade da Coruña 2.512 1.536
Universidade de Santiago de Compostela 3.396 1.918
Universidade de Vigo 2.495 1.678
SUG 8.403 5.132

 

No deseño da mostra, para cada titulación e campus (subpoboación) seleccionouse unha mostra aleatoria, determinándose o tamaño da mostra para a estimación da proporción (con varianza máxima) e fixando un erro máximo admisible do 10%, cun nivel de confianza do 95%.

Os resultados obtidos neste estudo proporcionan información sobre aspectos relacionados coa transición dos titulados da educación universitaria ao mercado laboral: formación universitaria, prácticas e traballos durante a titulación, mobilidade, coñecemento de idiomas, acceso ao emprego, vías de busca de emprego, situación laboral actual no momento de realizar a enquisa, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e as competencias máis requiridas no emprego.

Dentro das principais conclusións extraídas no estudo EIL1314 para o total de titulados no SUG durante o curso académico 2013-2014 atópanse as seguintes:

DATOS ACADÉMICOS

Para o 75,02% dos titulados durante o curso académico 2013-2014 a titulación obtida fora a súa primeira opción.
O 58,40% dos titulados gozou dalgunha bolsa durante os seus estudos. Máis da metade dos titulados que obtiveron unha bolsa de estudos mantivérona durante tres ou máis cursos académicos. No 98,44% dos casos a bolsa de estudos procedía dunha institución pública española.
O 50,42% dos titulados durante o curso académico 2013-2014 tiña no momento de realizar a enquisa outra titulación universitaria rematada, a maiores da titulación pola que foi enquisado.
O 30,64% dos titulados realizou prácticas en empresas/institucións durante os seus estudos que non estaban incluídas no seu plan de estudos.
Un 40,42% dos enquisados compaxinou os estudos cun traballo, aínda que só no 31,40% dos casos o traballo foi a tempo completo. O 59,00% dos titulados que traballaron durante os estudos indicou que o traballo non estaba relacionado coa titulación.
O 19,17% dos titulados durante o curso académico 2013-2014 participou durante a súa estadía na universidade nalgún programa de mobilidade, maioritariamente no programa Erasmus, cun 75,42%. No 83,21% dos casos o seu destino foi unha universidade do resto da Unión Europea.
O 95,74% dos titulados no curso académico 2013-2014 coñece e é quen de usar algún idioma a maiores das linguas oficiais do SUG (galego e castelán). Deles, o 48,34% afirmou coñecer só un idioma adicional.

BUSCA DE EMPREGO

O 73,92% dos titulados buscou emprego relacionado coa súa titulación desde que rematou os estudos. Deles, o 72,29% atopouno.
O tempo medio que lles levou aos titulados atopar ese primeiro emprego relacionado coa titulación foi de 10,42 meses.
As vías de busca de emprego máis utilizadas polos titulados durante o curso 2013-2014 foron a través de internet, cun 3,99 , presentando de maneira espontánea a súa candidatura, cun 3,87, e a través de contactos persoais, familiares ou amizades, cun 3,03. Máis da metade dos titulados, un 55,42%, atopou o seu primeiro emprego por algunha destas tres vías.

SITUACIÓN ACTUAL

O 17,65% dos titulados durante o curso académico 2013-2014 continuaba a estudar no momento da realización da enquisa.
O 25,18% dos titulados durante o curso académico 2013-2014 preparaba oposicións no momento da realización da enquisa.
O 79,59% dos titulados durante o curso académico 2013-2014 traballaba no momento da realización da enquisa.

EMPREGO ACTUAL (DESPOIS DA TITULACIÓN)

A maioría dos titulados 80,11% estaba a traballar en Galicia. O 17,01% traballaba noutra comunidade autónoma e só un 2,88% traballaba fóra de España.
O 90,31% dos titulados que traballaban no momento de responderen á enquisa facíano por conta allea.
O salario medio neto mensual dun titulado durante o curso académico 2013-2014 era de 1.231,02 €.
O 79,38% dos titulados que traballaban estaban desenvolvendo funcións de nivel universitario no seu traballo. Deles, o 84,45% desenvolvía funcións específicas da súa titulación.
As cinco competencias máis valoradas polos titulados durante o curso 2013-2014 foron a capacidade para a aprendizaxe, cun 4,55, a motivación, cun 4,52, a capacidade para resolver problemas, cun 4,49, a adaptabilidade, cun 4,40 e a capacidade de comunicación oral/escrita, cun 4,39.

SATISFACCIÓN CO ITINERARIO ACADÉMICO

O 92,43% dos titulados volvería cursar estudos universitarios. Deles, o 80,76% volvería elixir a mesma titulación, dos cales un 88,49% repetiría os seus estudos na mesma universidade. Isto tradúcese en que o 66,05% do total de titulados no SUG durante o curso 2013-2014 repetiría exactamente o mesmo itinerario académico, é dicir, volvería cursar a mesma titulación na mesma universidade.