O día 24 de maio o Sr. Reitor da Universidade Anáhuac Xalapa, Dr. Luís Linares Romeu, e o Director Académico, Mtro. Elí Ricardo Marín Illescas, foron recibidos na sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) polo seu director, Dr. J. Eduardo López Pereira, e o presidente da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), Dr. Miguel Santos Rego. Tras unhas palabras do director de ACSUG e a intervención do Sr. Reitor, o presidente da CGIACA fíxolle entrega dos certificados de acreditación dos títulos de Dereito e de Comunicación.
No acto estiveron presentes os membros das dúas comisións que se desprazaron, en outubro de 2016 e outubro de 2017, a Xalapa (México) para verificar "in situ", e de acordo aos estándares europeos de acreditación, a calidade de varias das titulacións que imparte dita Universidade.
Posteriormente ACSUG agasallou a tan ilustres representantes da Universidade Anáhuac Xalapa cunha comida de confraternidade á que asistiron os membros das dúas comisións de acreditación e o Secretario Xeral de Universidades, Dr. José Alberto Díez de Castro.
Coa acreditación destas dúas titulacións son xa seis as licenciaturas que na devandita Universidade contan cunha certificación de ACSUG: Dirección e Administración de Empresas, Finanzas en Contadoría Pública, Mercadotecnia, Negocios Internacionais, Dereito e Comunicación. Actualmente estase traballando na acreditación de cinco novas titulacións en Anáhuac Cancún, a cal recibirá a visita de dúas novas comisións cara a finais do presente ano.