ACSUG organiza unha xornada de formación para representantes do MESYCT, do ISFODOSU e do INAFOCAM, da Repúblia Dominicana

Representantes do Ministerio de Educación Superior, Ciencia y Tecnología ( MESYCT), do Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña ( ISFODOSU) e do Instituto Nacional de Formación y Capacitación del Magisterio ( INAFOCAM), da República Dominicana, participan no Seminario Internacional de Formación sobre Acreditación organizado por ACSUG entre os días 23 e 27 de abril.
As xornadas de traballo desenvólvense a través de sesións informativas e formativas sobre os distintos procesos de xestión da calidade. Expóñense, en primeiro lugar, as principais actividades de avaliación que realiza ACSUG (verificación, seguimento, acreditación da calidade de títulos, sistema de garantía de calidade de centros, etc.) para posteriormente centrarse na metodoloxía dos procesos de avaliación externa a nivel internacional que ACSUG está a levar a cabo. Tamén se informou sobre os procesos de acreditación de profesorado e Programa DOCENTIA. Nunha das xornadas de traballo, participan nunha visita institucional á Universidade da Coruña onde se lle expón o esforzo dos centros na mellora da calidade das súas titulacións.
O resultado máis inmediato desta visita a Galicia será a firma dun convenio de colaboración institucional entre o Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña ( ISFODOSU) e a ACSUG para o asesoramento e acreditación internacional das seguintes titulacións: Licenciatura en Educación Inicial, Licenciatura en Educación Primaria Primer Ciclo e Licenciatura en Educación Primaria Segundo Ciclo.