Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2011-2012 (EILMasteres1112)” da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)

O xoves, 14 de decembro, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou os resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2011-2012”. No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, Dona María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, Don José Eduardo López Pereira.

Neste informe, presentáronse os resultados acadados na terceira enquisa, realizada aos titulados universitarios no curso académico 2011-2012 en másteres oficiais, entre xuño e xullo do 2015, aproximadamente tres anos despois de remataren o seu título de máster.

Os obxectivos do estudo séguense a manter e son os do proxecto orixinal: “proporcionar información dos titulados universitarios en másteres oficiais no SUG sobre dúas temáticas principais: a súa percepción sobre a formación e a universidade (aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, motivación para realizar o máster, etc.) e a súa situación laboral, tanto previa como posterior á realización do máster”.

Neste estudo a mostra acadada foi de 1.907 sobre unha poboación total de 2.728, o que representa un 69,9%.

Universidade Poboación 2011-2012 Mostra 2011-2012
A Coruña 594 415
Santiago de Compostela 925 628
Vigo 1.209 864
SUG 2.728 1907

 

Co obxectivo de garantir a maior representatividade para cada un dos másteres no SUG, realizouse un estudo exhaustivo no que se contactou con todos e cada un dos individuos que constituían a poboación.

O erro de mostraxe global acadado para os titulados en másteres no SUG sitúase no +/-1,23%, cun nivel de confianza do 95%, oscilando entre o +/-1,79% e o +/-4,07% por rama de coñecemento.

Dentro das principais conclusións extraídas no estudo EILMasteres1112 para o total da poboación titulada no SUG durante o curso académico 2011-2012 atópanse as seguintes:

Un 63,6% dos titulados traballaron con anterioridade ao máster, dos cales un 60,9% compaxinaron o devandito traballo coa realización do máster.
O 68,1% dos titulados cursaron o máster na mesma universidade na que realizaran a súa titulación previa..
O motivo principal que leva os titulados de máster a cursalo é complementar a formación académica para unha maior especialización no mercado de traballo, cun 63,7%. O segundo motivo en importancia é complementar a formación académica para poder realizar o doutoramento e dedicarse á investigación, cun 31,9%.
Un 51,8% dos titulados cursaron prácticas externas e, destes, un 75,3% considéranas boas ou moi boas.
As vías de busca de emprego máis utilizadas polos titulados son os portais de busca de emprego na web, cun 72,4%, a candidatura espontánea, cun 72,1%, os contactos persoais, cun 61,3%, as axencias públicas de emprego, cun 57,1%, e a resposta a anuncios de traballo, cun 53,3%.
As vías de busca de emprego que propiciaron un maior número de empregos son os contactos persoais, cun 32,9% de titulados que conseguiron o seu traballo a través deles, os portais de busca de emprego na web, cun 32%, e a vía da candidatura espontánea, cun 27,2%.
Os titulados destacan como factor máis relevante no proceso de contratación a experiencia laboral relacionada e, en menor medida, o desenvolvemento nos procesos de selección e a súa titulación de grao.
As competencias consideradas como máis importantes polos titulados para a obtención dun emprego son a capacidade de asumir responsabilidades, a capacidade para resolver problemas e a comunicación oral e/ou escrita.
Un 93,3% dos titulados traballaron desde a finalización do máster, dos cales un 59,4% comezou nun novo emprego e un 40,6% continuou no emprego que tiña antes de rematar o máster.
Un 40% dos titulados que empezan nun novo emprego tras a finalización do máster tardan menos de tres meses en atopalo e o 58,5% menos de seis meses. O tempo medio en atopar emprego é de 7,71 meses.
O 36,8% dos titulados en másteres estiveron empregados durante todo o tempo que vai desde a finalización do máster ata o momento de realización da enquisa. Esa porcentaxe é do 23,8% se temos en conta unicamente empregos relacionados co contido do máster realizado polos titulados.
Nos tres anos que transcorreron desde a finalización do máster, os titulados traballaron, de media, en 2,09 empregos distintos, mentres que o número medio de contratos que tiveron durante ese período foi de 6,10.
Un 77,7% dos titulados traballa na actualidade, mentres que un 15,5% non traballa pero busca emprego e un 6,8% nin traballa nin busca emprego.
O 3,5% dos titulados en másteres non traballa nin busca emprego porque está a realizar outros estudos, principalmente de doutoramento ou de grao, e un 2% porque prepara oposicións.
Un 47,5% dos titulados afirman que o seu traballo actual está bastante ou moi relacionado co máster que cursaran. Ao mesmo tempo, un 82,6% dos titulados considera que para o desenvolvemento do seu traballo actual é necesaria formación universitaria.
Un 31,8% dos titulados que traballa na actualidade leva no seu posto de traballo máis de tres anos, porcentaxe que é do 15,7% se se teñen en conta os que levan cinco anos ou máis.
A gran maioría dos titulados queda a traballar en Galicia, un 86,2%, mentres que só unha reducida porcentaxe traballa no estranxeiro. Os principais motivos achegados para non traballar en Galicia son non atopar traballo en Galicia, cun 39,7%, e recibir unha mellor oferta no exterior, cun 34,8%.
Soamente un 13% dos titulados que traballa o fai por conta propia, e o restante 87% traballa por conta allea. A práctica totalidade destes están dados de alta ou cotizan á Seguridade Social. Dos traballadores por conta allea, o 40% ten un contrato fixo, mentres que o 45,7% conta cun contrato temporal. Á súa vez, un 79,1% traballa a xornada completa.
Un 37,7% dos titulados que está a traballar faino na Administración pública ou en empresas públicas, mentres que un 34,9% traballa en empresas privadas con máis de 50 empregados.
Un 59,2% dos titulados teñen un salario superior aos 1.000 euros mensuais. O salario medio é de 1.203,75 euros, cifra que se reduce a 1.114,55 euros no caso das mulleres e que ascende a 1.342,06 euros no dos homes. En comparación co salario no traballo previo á realización do máster, prodúcese un incremento de 125,99 euros no salario medio, que se deriva dun incremento do salario medio no caso das mulleres de 144,98 euros, e no caso dos homes de 94,17 euros.
Un 43,8% dos titulados considera que o máster está bastante ou moi valorado no seu ámbito laboral, mentres que só o 13,3% considera que non está nada valorado.
Un 46,3% dos titulados valora o máster como bastante ou moi útil tendo en conta a súa traxectoria laboral, e un 77,3% volvería cursar o mesmo máster.