Presentación da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados en másteres no sistema universitario de Galicia 2011-2012”. Xoves, 14 de decembro ás 11:00 horas na sede da ACSUG.

O xoves 14 de decembro ás 11:00 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación da publicación:”Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2011-2012”. No acto intervirán o Sr. Secretario Xeral de Universidades, a presidenta e o director da ACSUG.

Esta publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral da poboación titulada universitaria no Sistema Universitario de Galicia que se levan a cabo de forma periódica desde o ano 2001 na ACSUG. Coa nova estrutura dos estudos universitarios actuais, grao, máster e doutoramento, resulta indispensable dispor de información sobre a inserción laboral da poboación titulada en másteres. Por iso, no ano 2013, a Axencia iniciou un novo proxecto, ampliando o campo de estudo aos titulados en másteres no SUG, converténdose na primeira axencia a nivel nacional en realizar unha análise deste tipo. Continuando con esta iniciativa, a ACSUG publica o seu terceiro informe.

Nesta publicación, analízanse os resultados obtidos na enquisa realizada entre xuño e xullo de 2015, aproximadamente aos tres anos de rematar o máster. Entre os obxectivos principais deste informe está o de proporcionar información sobre as tituladas e os titulados universitarios en másteres no SUG, de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. A información recabada contempla as seguintes temáticas: valoracións sobre aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, motivación principal para realizar estudos de másteres e valoracións sobre a experiencia laboral nestes últimos anos, antes e despois da realización do máster. O informe remata facendo unha comparativa dos resultados acadados entre a poboación titulada en másteres nos cursos académicos 2011-2012, 2010-2011 e 2009-2010.

Resumo prensa

Presentación