A ACSUG participa na asamblea xeral de ENQA do 2017 en Sevres (Francia)

A ACSUG participou na Asemblea Xeral do ano 2017 da Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA), que se celebrou os días 26 e 27 de outubro na cidade francesa de Sevres.

A Asemblea xeral foi precedida, como é habitual, dun foro ao que asistiron máis de 120 persoas pertencentes ás axencias que forman parte de ENQA. Neste foro tratáronse diversos temas relacionados coa calidade da educación superior, coa utilización de relatorios, mesas redondas e presentacións de pósters. Entre outras cuestións, debatéronse as recomendacións que ENQA propoñerá para a próxima Conferencia Ministerial do Proceso Bolonia, prevista para o mes de maio de 2018 en París. Tamén se discutiron as vantaxes e inconvenientes de realizar acreditación institucional ou acreditación de programas.

Posteriormente, na Asemblea Xeral de ENQA, foron aprobados tanto a memoria anual do 2017 como o orzamento e o plan de actividades para o 2018 da entidade. Tamén se procedeu á renovación parcial do Board e á elección do novo presidente do organismo. Na asemblea tamén se confirmou, por 5 anos mais, a renovación de 7 axencias que foron reavaliadas no 2017 como membros no organismo.

A próxima reunión de ENQA, o member´s fórum do ano 2018, terá lugar en Zaragoza o vindeiro mes de abril, organizado pola Axencia de Calidade e Prospectiva Universitaria de Aragón (ACPUA).