Unha comisión do Ministerio de Educación Superior da República Dominicana visita ACSUG

Unha comisión, creada polo Ministerio de Educación Superior, Ciencia e Tecnoloxía da República Dominicana para o desenvolvemento dun Sistema Nacional de Aseguramiento da Calidade, visitou a ACSUG co fin de solicitar o seu apoio para o asesoramento e implantación dun sistema de mellora da calidade no seu país. Dita comisión estaba presidida polo Viceministro de Certificación e Desenvolvemento da Carreira Docente, Dr. Saturnino dos Santos, acompañado polo coordinador da comisión, Dr. Radhamés Mejía, exrector da Universidade APEC, polo Dr. Roberto Reyna, exrector da UASD e a Dra. Laura Abreu, asesora educativa no devandito ministerio.

Nunha xornada intensa de traballo na Axencia desenvolvéronse diversas sesións informativas sobre os procesos de xestión da calidade que desenvolve ACSUG, tanto a nivel nacional como internacional: verificación, seguimento, acreditación da calidade e sistema de garantía de calidade. O Ministerio de Educación Superior trata de aproveitar as sinerxias que outros países, con máis experiencia nos procesos de control e mellora da calidade, lle poden ofrecer e de aprender dos seus erros para non caer neles. Neste afán de aproveitar sinerxias, ACSUG coordinou coa devandita comisión unha xornada de traballo na Universidade de Coruña onde foi recibida e atendida polo Sr. Reitor, Dr. Juio Abalde e pola Sra. Vicerreitora, Dra. Nancy Vázquez que lles deron amplas explicacións da percepción que ten a universidade da ante e a post acreditación.

Entre ambas as xornadas de traballo, a comisión foi recibida na Xunta de Galicia polo Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dr. Román Rodríguez, quen explicou o esforzo do seu goberno pola mellora da calidade universitaria e o papel fundamental que desempeña a ACSUG nesta misión.

O resultado máis inmediato desta visita a Galicia será a firma dun convenio de colaboración institucional entre o Ministerio de Educación Superior de Ciencia e Tecnoloxía e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como un segundo convenio entre o devandito Ministerio e a ACSUG para unha estreita colaboración no establecemento dun sistema nacional de aseguramiento da Calidade na Educación Superior na República Dominicana.