ACSUG Organiza ECA Summer Workshop 2016

Os días 30 de xuño e 1 de xullo 11 países europeos, representados por 16 axencias de calidade do sistema universitario, que son membros do European Consortium for Accreditation in higher education (ECA), reúnense en Santiago de Compostela, para celebrar o terceiro encontro anual da asociación, co obxectivo de promover a internacionalización da educación superior.

As actividades repártense entre sesións plenarias e grupos de traballo nos que se abordarán temas relacionados coa acreditación e calidade dos títulos universitarios a nivel europeo, tales como “Os programas conxuntos e o recoñecemento mutuo” ou “A innovación e a internacionalización na certificación da calidade e da acreditación”.

ACSUG, a axencia de calidade con maior presenza en acreditación internacional, responsabilizouse da coordinación deste encontro no que ofreceu a súa nova imaxe a través da súa páxina web e presentou un vídeo institucional sobre o labor que realiza no Sistema Universitario de Galicia (SUG).