Presentación da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011”. Venres día 11 de decembro ás 11:00 horas na sede da ACSUG.

O venres día 11 de decembro ás 11:00 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación da publicación:”ESTUDO DA INSERCIÓN LABORAL DOS TITULADOS UNIVERSITARIOS NO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA 2010-2011”. No acto intervirán o Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a presidenta e o director da ACSUG.

A ACSUG presenta a publicación do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011”, complementando a serie temporal de estudos de inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia, onde se recollen os resultados acadados na novena enquisa realizada en decembro de 2013 aos titulados universitarios no SUG. A mostra enquisada neste último estudo representa arredor dun 55% da poboación total, 5.114 titulados en estudos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, arquitectura, enxeñarías técnicas e arquitectura técnica) e, por primeira vez, graduados. Nesta ocasión xa podemos falar dunha pequena representación de primeiras cohortes de titulados nos plans de estudo adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), aínda que a maioría dos graduados son de anteriores estudos de 1º e 2º ciclo que, posteriormente, realizaron un curso ponte para obteren o título de grao.

Os obxectivos principais deste estudo coinciden cos dos anteriores estudos realizados pola ACSUG sobre a mesma temática, que se estruturan en dous temas principais: a obtención de información sobre a percepción dos titulados con respecto a súa formación e a súa universidade e a obtención de información sobre a busca de emprego e a súa situación laboral actual do titulado.