• Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Comité de Revisión de ACSUG

O Comité de Revisión da ACSUG é o órgano encargado da revisión das reclamacións e recursos que se presenten no ámbito das funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación atribuídas á Axencia.

A creación do Comité de Revisión foi acordada pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) na súa xuntanza do 17 de decembro de 2021, de conformidade cos criterios e directrices para o aseguramento da calidade no Espazo Europeo de Educación Superior (ESG), aprobados na Conferencia de Ministros celebrada en Ereván os días 14 e 15 de maio de 2015.

Na mesma xuntanza aprobouse o Protocolo polo que se define o procedemento de resolución de reclamacións e recursos interpostos ante a ACSUG no ámbito das funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación que ten atribuídas. O protocolo foi publicado mediante Resolución do 4 de febreiro de 2022 (DOG do 15 de febreiro de 2022).

De acordo co establecido no artigo 5.1 do citado Protocolo, a presidencia e as vogalías do Comité de Revisión son designadas pola CGIACA e, unha vez informado o Consello Reitor da ACSUG, son nomeadas pola persoa titular da Presidencia da CGIACA por un período de catro anos, prorrogable unha única vez por outros catro anos.

Na súa xuntanza do 29 de xullo de 2026, a CGIACA acordou a renovación dos membros do Comité de Revisión que foran designados na súa xuntanza do 5 de maio de 2022.

A composición actual do Comité de Revisión é a seguinte:

Presidente

Alberto Arufe Varela, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Coruña.

Vogais

María del Mar Lorenzo Moledo, catedrática de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, con acreditada experiencia na avaliación do profesorado.

Ana María Bernabéu Tello, profesora titular de Estratigrafía da Universidade de Vigo, con acreditada experiencia na avaliación de títulos e centros.

Secretario

Francisco Rico Rey, técnico da ACSUG, con voz e sen voto.

A composición e o funcionamento do Comité de Revisión responden ao principio de independencia respecto dos órganos responsables da adopción das decisións obxecto de revisión. Neste sentido, a persoa titular da Presidencia da CGIACA non participa nas reunións do Comité de Revisión.

Esta medida foi acordada pola CGIACA na súa xuntanza do 28 de xaneiro de 2025, atendendo á observación formulada por ENQA no marco da avaliación externa da ACSUG, co obxectivo de reforzar a independencia das decisións do Comité de Revisión respecto da CGIACA.