|

Programa Especial de Promoción do Profesorado da Universidade de Vigo
O Regulamento de Profesorado da Universidade de Vigo estableceu os obxectivos e as características xerais dos programas de promoción do persoal docente e investigador. O Consello de Goberno e, en función das dispoñibilidades orzamentarias e da existencia de programas e incentivos a nivel estatal e autonómico, quen fixa as condicións para a creación das prazas. O Consello de Goberno determinará, mediante unha convocatoria anual , a asignación das prazas tendo en conta méritos docentes, investigadores e de xestión, e atendendo a criterios de diversidade .
A UVIGO está interesada en contar coa colaboración da ACSUG, como entidade externa de referencia, para a avaliación dos méritos dos investigadores participantes nas convocatorias anuais do Programa Especial de Promoción do PDI para o que se asinou un convenio de colaboración para a avaliación dos méritos curriculares dos candidatos.
A ACSUG pon a disposición da UVIGO a aplicación telemática utilizada para a acreditación do profesorado universitario ao efecto de que os investigadores participantes na convocatoria anual do Programa Especial de Promoción de PDI da UVIGO, presenten o seu curriculum vitae. Os solicitantes deberán aterse ao modelo de curriculum vitae solicitado na aplicación da ACSUG.
Acceso á aplicación informática de xestión das solicitudes e currículum vitae
Formalización das solicitudes
(base 6ª da convocatoria).
6.1. As solicitudes serán cumprimentadas por vía telemática usando os medios dispoñibles en http://www.acsug.es. Os solicitantes deberán aterse ao modelo de currículum vitae solicitado na aplicación da ACSUG e achegar a documentación correspondente no formato que se indique. No caso de documentos aportados en soporte electrónico, a Universidade poderá solicitar ao candidato/a orixinal ou copia compulsada en calquera momento previo á resolución da convocatoria.
6.2. Adicionalmente, a instancia xerada pola aplicación referida no apartado 6.1, dirixida ao Reitor da Universidade de Vigo, será asinada polo solicitante e presentada no prazo e lugar referido nos apartados 6.5 e 6.4 respectivamente. Xunto coa dita instancia deberá achegarse:
a. Copia da certificación da acreditación como profesor titular de universidade e/ou profesor contratado doutor.
b. No seu caso, copia da documentación que acredite avaliación positiva en programas de estabilización de profesorado universitario (incluidos I3 e Manuel Colmeiro).
6.3. A publicación nos rexistros xerais da Universidade de Vigo dos actos que integran este procedemento servirá de notificación para todos os efectos, de acordo co previsto na Lei 30/1992. Simultaneamente serán publicados na WEB da Universidade de Vigo.
6.4. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral (Edificio Xerencia-Servizos Centrais, Campus Universitario 36310-Vigo), nos rexistros auxiliares da Universidade de Vigo (Campus de Ourense, campus de Pontevedra e Rúa Torrecedeira nº 86 de Vigo) ou de acordo coas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992. No estranxeiro, as solicitudes poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.
6.5. O prazo de presentación de solicitudes será de 18 de decembro de 2009 ao 18 de
febreiro de 2010.
Normativa (Convocatoria completa)
Xustificación dos méritos curriculares.
• Os interesados deberán acreditar axeitadamente os méritos curriculares que aleguen. Sen prexuízo do cal, os méritos que se relacionan a continuación, soamente serán valorados cando se xustifiquen do seguinte xeito:
- A docencia universitaria regrada xustificarase mediante un certificado da Secretaría Xeral ou da correspondente Vicerrectoría da universidade na que se prestase aquela, no que deberá constar as materias e o número de créditos impartidos.
- O expediente académico xustificarase a mediante un certificado expedido pola autoridade competente.
- Os cursos e másteres recibidos xustificaranse co correspondente certificado no que conste o número de horas dos mesmos.
- As bolsas e as axudas deberán de acreditarse a través da credencial emitida polo organismo pagador das mesmas.
- Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos deberán de xustificarse coa documentación na que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, e as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, interuniversitario ou interdepartamental.
- A actividade profesional desenvolvida deberase xustificar prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.
- Os libros, artigos e demais publicacións xustificaranse mediante a copia da primeira e última folla, o índice e a folla onde figure o ISBN, ISSN, Depósito Legal, etc.
- No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificarase cun certificado da editorial ou organismo responsable da publicación.
• A xustificación dos méritos curriculares farase en formato electrónico, a través da aplicación informática para o cal en cada un dos apartados do curiculum vitae hai un campo "Xustificante" para xuntar os documentos acreditativos en formato pdf (Máximo 2 Mb por arquivo). A xustificación da condición de Profesor Contratado Doutor, Profesor Titular de Universidade, I3 e/ou Manuel Colmeiro terá que presentarse en papel xunto coa solicitude.
|