Modo de presentación e prazo.
A convocatoria para presentar ante a ACSUG as solicitudes de avaliación ou informe para a progresión e consolidación dos profesores colaboradores é aberta. Estas poderán presentarse, unha vez que se cumpran os requisitos, dende o día seguinte ao da publicación no DOG da Orde do 22 de abril de 2008.
As solicitudes cubriranse en formato dixital, ao que se poderá acceder a través deste enlace : Unha vez cuberto o formato dixital, imprimirase e asinarase debidamente.
Feito isto, presentaranse en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
Documentación que debe acompañar á solicitude:
a) Copia do documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente). No caso de que se remita telemáticamente, non será preciso enviar a copia en papel.
b) Curriculum vitae no que se indiquen os méritos individuais que os interesados desexen facer constar, desenvolvidos unicamente durante o período ou períodos contratados como profesoras ou profesores colaboradores, que sexan obxecto de valoración.
O Curriculum vitae deberá contar cos seguintes apartados: Datos persoais, actividade docente, formación e innovación para a docencia, investigación, xestión e outros méritos (neste apartado incluirase a experiencia profesional en ámbitos non universitarios). No caso de que se remita telemáticamente, non será preciso enviar a copia en papel.
Para os interesados que o desexen, a ACSUG pon a súa disposición o seguinte formulario de CV .
c) Declaración (que se publica como anexo IV da Orde de 22 de abril de 2008) do solicitante, da veracidade dos datos que figuran no seu currículo, así como dos documentos xustificativos que acompañan ao mesmo, e polo que se asumen as responsabilidades que puidesen derivarse en caso contrario. Unha vez cuberto o formato dixital, imprimirase e asinarase debidamente, xuntándose coa solicitude e a xustificación dos méritos.
Para os interesados que o desexen, a ACSUG pon a súa disposición a seguinte declaración .
A ACSUG solicitará ás Universidades do SUG, a listaxe na que se certifique que os solicitantes cumpren os requisitos correspondentes establecidos no artigo segundo da Orde do 22 de abril de 2008, para poder solicitar a emisión do informe ou avaliación.
Xustificación dos méritos curriculares.
- A docencia universitaria regrada (POD) alegada no CV será solicitada pola ACSUG ás Universidades do SUG, polo que non será preciso xustificala polos solicitantes.
- Os cursos e másteres recibidos xustificaranse co correspondente certificado no que conste o número de horas dos mesmos.
- Os proxectos de innovación e os proxectos de investigación competitivos deberán xustificarse coa documentación na que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, así como as características e o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, estatal, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.
- A utilización das TICs e a elaboración de recursos web para a docencia, xustificaranse indicando a URL na que se atopen os recursos, ou por certificado do xestor da plataforma na que conste a utilización do recurso e o responsable do mesmo. No caso de que a URL sexa de acceso restrinxido, xustificarase mediante unha copia impresa da páxina de inicio no que conste o responsable do desenvolvemento da mesma.
- Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia simple da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, Depósito Legal, etc. No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificarase cun certificado da editorial ou organismo responsable da publicación.
- A lectura de teses de doutoramento xustificarase: co título de doutoramento, co certificado da comisión responsable da xestión do terceiro ciclo e postgrao en cada universidade, ou co xustificante de ter efectuado o depósito do título de doutoramento.
- O desempeño de cargos de xestión unipersoais xustificarase co certificado do Secretario Xeral da universidade correspondente, no que conste o cargo e as datas de inicio e finalización.
- A actividade profesional desenvolvida deberase xustificar prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.
De acordo co disposto no artigo 35.f da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no caso de que xa se solicitase a avaliación ou informe regulados pola Orde do 22 de abril de 2008 con anterioridade, non será necesario a presentación da documentación que xa se atope en poder da ACSUG. Neste caso indicarase esta circunstancia na solicitude, facendo referencia ao número de expediente correspondente ás avaliacións ou informes anteriores. En todo caso, os méritos curriculares obtidos con posterioridade a anterior solicitude de avaliación ou informe deberán xustificarse.