A importancia do ensino de postgrao no EEES necesita da creación dun marco procedimental para que as universidades galegas, no ámbito da súa autonomía e coa maior flexibilidade posible, poidan definir a organización, a estrutura e os contidos dos Programas Oficiais de postgrao (POP) que queiran implantar.
Na ACSUG recae a responsabilidade de elaborar os mecanismos para a posterior aprobación ou homologación dun título, a súa avaliación e finalmente a acreditación. Estes procesos diferéncianse entre si dependendo do momento no que se leven a cabo; se se realiza con anterioridade á implantación do título, falamos de homologación, se se realiza con posterioridade, unha vez implantado o ensino na súa totalidade, falamos de acreditación, suspensión ou revogación da homologación do título.
O modelo de avaliación dos novos POP foi confeccionado a partir dos criterios comúns acordados pola Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU) na súa vontade de coordinación e establecemento duns estándares comúns que faciliten o exercicio das funcións de avaliación que a respectiva comunidade autónoma póidalles encomendar.
O acordo da REACU comprende dous grandes bloques de contido:
- Requisitos legais e viabilidade da proposta, onde se inclúen os diferentes aspectos que a administración educativa da Comunidade Autónoma haberá de analizar co fin de poder valorar que a proposta se axusta á normativa legal establecida e que a súa autorización está xustificada no contexto da planificación territorial.
- Relevancia e planificación académica, o contido da cal versa sobre aqueles aspectos de exclusiva índole académica e de valoración por parte das Axencias de Calidade. Este bloque configúrase como a Memoria académica de cada un dos títulos propostos dentro dun programa.
O modelo da ACSUG está condicionado á lexislación vixente sobre a actual estrutura dos POP, poden estar integrados por un ou varios títulos de master e/ou un título de doutor e a proposta respecta a flexibilidade e diversidade así como a posibilidade do seu carácter interuniversitario; nel recóllense os puntos que deberán desenvolver as universidades na súa solicitude de aprobación dos POP e que, necesariamente, deberán ser congruentes co proceso posterior de acreditación a que teñen que someterse.