ACTIVIDADES DA ACSUG NO MARCO DA INSERCIÓN LABORAL DOS TITULADOS UNIVERSITARIOS
A ACSUG publicou os estudos,
- " Proxecto de Inserción Laboral dos Titulados polo Sistema Universitario de Galicia 1996- 2001”
- “ Estudo da Inserción Laboral dos Titulados no Sistema Universitario de Galicia 2001- 2003”
- “ Accedendo ao mercado laboral: un estudo por titulacións 1996- 2003”
- “ Estudo da Inserción Laboral dos Titulados no Sistema Universitario de Galicia 2003- 2005”
- “ Estudo da Inserción Laboral dos Titulados no Sistema Universitario de Galicia 2005 - 2006 ”
- “ Estudo da Inserción Laboral dos Titulados no Sistema Universitario de Galicia 2006 - 2007”
Estes estudos, xunto con outros de ámbito nacional, forman parte dun proxecto común que consiste na creación dunha base de estudos de inserción laboral de titulados universitarios. O obxectivo final é dar a coñecer os resultados deste tipo de estudos, non só ao persoal das universidades, senón tamén á sociedade.
Por outra parte a ACSUG publicou o estudo “ A demanda de titulados por parte das Pemes galegas”.
Este estudo adopta un punto de vista diferente dos traballos feitos anteriormente pola ACSUG, e relativamente recente na literatura económica, xa que basea as súas formulacións e resultados na opinión e demanda dos destinatarios últimos dos titulados universitarios: os empregadores. Xa que logo, o principal obxectivo desta investigación é coñecer que necesidades de titulados universitarios teñen os empregadores e en que medida a formación recibida nas aulas se adecúa a tales demandas.
O obxectivo así definido non deixa de ser demasiado ambicioso, xa que o concepto de empregadores abarca desde o traballo autónomo, desenvolvido polos propios titulados, ao emprego público. Por iso optouse por acoutar os empregadores aos que se ía a dirixir o traballo, centrándose no caso das Pequenas e Medianas Empresas (PEMES).
Dividese en dous grandes bloques: o primeiro deles pretende servir para coñecer, a grandes rasgos, o mercado de traballo ao que se enfrentan as persoas tituladas universitarias. Presentando as características básicas do mercado laboral en Galicia, comparando coa realidade europea e nacional. O segundo bloque, pretende dar a coñecer tanto a demanda actual e futura dos titulados universitarios como as opinións empresariais sobre a formación universitaria.
No ano 2006, creouse o portal “ Observatorio Universitario de Inserción Laboral: Estudios y herramientas metodológicas ” , en colaboración con outras axencias e organismos españois: Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA), Agencia para la Calidad del Sistema Universitario de Castilla y León (ACSUCYL), Agència per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya (AQU Catalunya), Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Centro Andaluz de Prospectiva (CANP) e o Centro de Estudios en Gestión de la Educación Superior (CEGES) co o obxectivo de difundir estudos e ferramentas metodolóxicas relacionadas coa inserción laboral.