DOG do 20 de Xaneiro de 2009
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.-Entidades que integran o Consorcio.
1. Coa denominación de Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) constitúese un Consorcio coa participación da Xunta de Galicia, mediante o departamento que ten atribuídas as competencias en materia de universidades e o departamento que ten atribuídas as competencias en materia de Investigación Desenvolvemento e Innovación, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
2. Poderase ampliar o número de membros do Consorcio coa admisión de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que queiran colaborar coas finalidades do Consorcio e efectuar as contribucións ou prestar os servizos que constitúen os obxectivos do mesmo. O acordo de admisión de novos membros requirirá a maioría que prevé o apartado cuarto do artigo 27 destes estatutos.
Artigo 2.-Natureza xurídica.
A ACSUG é unha entidade de dereito público, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros, coa plena capacidade xurídica que requira o cumprimento dos seus obxectivos.
Artigo 3.-Sede.
A ACSUG terá a súa sede en Santiago de Compostela.
Artigo 4.-Obxecto.
A promoción e a garantía da calidade do sistema universitario de Galicia constitúe a finalidade primordial da ACSUG, asumindo para este efecto no ámbito da comunidade autónoma a consecución de tódolos obxectivos aos que se refire o artigo 31.1º da Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades.
Artigo 5.-Ámbito de actuación.
O ámbito de actuación da ACSUG comprende tódalas universidades integradas no sistema universitario de Galicia, así como os centros que impartan en Galicia ensinanzas universitarias de acordo con sistemas educativos estranxeiros, nos termos previstos no artigo 86 da Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades.
Artigo 6.-Colaboración.
1. A ACSUG establecerá mecanismos de cooperación e recoñecemento mutuo, de acordo cos criterios de actuación que se aproben polo Consello de Dirección, atendendo a criterios e directrices internacionais de calidade, e dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, coas actuacións e programas de avaliación e calidade de carácter autonómico, estatal e internacional que se efectúen nesta materia. Así mesmo coordinarase e intercambiará datos e información, con outras axencias ou organismos de avaliación autonómicos, estatais e internacionais, que teñan atribuídas competencias ou funcións no seu mesmo ámbito. A estes efectos poderá establecer acordos de coordinación e de intercambio de experiencias.
2. A ACSUG poderá propoñer actuacións encamiñadas a impulsar a colaboración entre as universidades e as empresas, os seus centros e unidades de investigación e outras institucións públicas e privadas.
Artigo 7.- Funcións.
1. De conformidade coa disposición adicional vixésimo sétima da Lei do Parlamento de Galicia 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, a ACSUG realizará, no ámbito da comunidade autónoma, as funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación, previstas na Lei Orgánica 6/2001, de Universidades, na súa redacción dada pola Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, pola que se modifica á anterior, así como calquera outra función análoga que sexa propia do ámbito da garantía da calidade universitaria que se lle poida atribuír pola normativa que resulte de aplicación.
2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, serán funcións da ACSUG:
a) A avaliación dos ensinos conducentes á obtención dos títulos oficiais e propios que imparten as universidades e os centros docentes de ensino superior.
b) A certificación da calidade dos ensinos, da xestión e das actividades das universidades.
c) A avaliación para aprobación e implantación de plans de estudos.
d) A acreditación dos ensinos no marco do espazo europeo da calidade.
e) A avaliación dos centros docentes establecidos en Galicia que impartan ensinanzas de acordo con sistemas educativos estranxeiros conducentes á obtención de títulos de educación superior universitaria.
f) A avaliación, certificación e acreditación dos sistemas de garantía interna de calidade das universidades, incluídos os que se refiren á función docente do profesorado.
g) A emisión das avaliacións e informes pertinentes para a contratación, prórroga, promoción ou continuidade do profesorado universitario das universidades integrantes do sistema universitario de Galicia no desempeño das súas funcións.
h) A avaliación dos méritos individuais e da actividade desenvolvida polo persoal docente e investigador, funcionario e contratado, das universidades integrantes do sistema universitario de Galicia para a asignación de complementos retributivos e demais incentivos que se establezan.
i) As avaliacións da calidade da investigación que se efectúen no sistema universitario de Galicia; a análise das demandas de investigación, desenvolvemento e innovación dos axentes socioeconómicos de Galicia; o estudo prospectivo das demandas emerxentes e a valoración da súa incidencia no desenvolvemento do sistema de ciencia e tecnoloxía do país.
j) A avaliación das actividades, os programas, os servizos e a xestión das universidades e dos centros de ensino superior.
k) A promoción da avaliación e da comparación de criterios de calidade no marco europeo e internacional.
l) A elaboración de estudos para a mellora e a innovación dos modelos de avaliación, certificación e acreditación.
m) A emisión de informes de avaliación dirixidos ás universidades, á administración educativa, ós axentes sociais e á sociedade en xeral.
n) O asesoramento da Administración educativa, as universidades e demais institucións no ámbito propio das súas funcións
ñ) O establecemento de vínculos de cooperación e colaboración con outras axencias estatais, autonómicas e internacionais que teñan atribuídas funcións de avaliación, acreditación e certificación.
o) As tarefas que lle sexan encargadas, polo departamento ou departamentos competentes en materia de universidades e en materia de investigación, desenvolvemento e innovación e polas universidades.
p) A realización de análises ou avaliacións das necesidades ou demandas de determinados sectores empresariais ou de producción, a cargo da entidade pública ou privada que solicite os seus servizos, sempre e cando as avaliacións solicitadas sexan de interese dentro dos obxectivos e o ámbito de actuación da ACSUG.
Artigo 8.-Información e confidencialidade.
1. Para o exercicio das funcións que ten encargadas, a ACSUG poderá pedir ás universidades, e aos titulares dos departamentos que teñan atribuídas as competencias en materia de educación superior e en investigación, desenvolvemento e innovación, a información que sexa necesaria e ter acceso á documentación existente, sen prexuízo do réxime de protección da confidencialidade dos datos de carácter persoal. Así mesmo, a base de datos da ACSUG poderá ser consultada polas citadas institucións e por organismos externos ao Consorcio, nos termos que o Consello de Dirección da ACSUG acorde, de conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
2. No exercicio das funcións que teñen atribuídas por estes estatutos, os órganos da ACSUG, as distintas comisións, comités, técnicos, e en xeral calquera persoa que participe nas correspondentes avaliacións, deben preservar a confidencialidade dos datos e da información e documentación que utilicen, así como o resultado das avaliacións.
Artigo 9.-Programa de actividades.
A ACSUG actuará en execución do programa de actividades que aprobe o seu Consello de Dirección. Os seus principios de actuación deberán adecuarse ao seu código ético que aprobe o Consello de Dirección e a criterios e directrices internacionais de calidade.
Artigo 10.-Memoria.
ACSUG elaborará unha memoria anual das súas actividades que, unha vez aprobada polo Consello de Dirección farase pública.
CAPÍTULO II
RÉXIME ORGÁNICO
Artigo 11.-Estructura Orgánica.
1. A estructura orgánica da ACSUG componse de órganos de goberno e dirección, órganos consultivos e órganos de avaliación.
2. Os órganos de goberno e dirección da ACSUG son, a presidenta ou presidente, o Consello de Dirección, e a directora ou director.
3. A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como órgano superior de avaliación, e o Consello Asesor como órgano consultivo son órganos permanentes da ACSUG, aos que lles corresponde a realización das funcións ás que se fai referencia no apartado primeiro do artigo 7 destes estatutos, do xeito que se indica na sección segunda deste título.
SECCIÓN PRIMEIRA
Órganos de goberno e dirección
Artigo 12.-A presidenta ou presidente da ACSUG.
A presidenta ou presidente da ACSUG será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, a proposta da persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, escoitados os rectores e os presidentes dos Consellos Sociais das Universidades do Sistema Universitario de Galicia, de entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito universitario, por un período de catro anos prorrogables por períodos iguais de tempo.
Artigo 13.-Funcións.
A presidenta ou presidente da ACSUG ten as funcións seguintes:
a) Representar institucionalmente a ACSUG.
b) Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións do Consello de Dirección e da súa Comisión permanente e fixar a orde do día, así como dirixir as deliberacións e decidir os empates co seu voto de calidade.
c) Velar pola consecución dos obxectivos da ACSUG e polo cumprimento dos seus estatutos.
d) Supervisar as actividades da ACSUG e elevar ao Consello de Dirección a documentación e os informes que considere pertinentes.
e) Aquelas outras funcións propias da presidencia dos órganos colexiados, así como as que se lle encomenden ou deleguen polo Consello de Dirección.
Artigo 14.-Suplencia.
No caso de vacancia, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal, a presidenta ou presidente da ACSUG será substituído polo membro do Consello de Dirección, con dereito a voto, de maior idade.
Artigo 15.-O Consello de Dirección.
O Consello de Dirección é o órgano superior de goberno, dirección e xestión da ACSUG. Funcionará en pleno ou en Comisión permanente. As súas funcións son as que se establecen nestes estatutos. En todo caso, calquera función non atribuída expresamente aos restantes órganos da ACSUG entenderase atribuída ao pleno do Consello de Dirección.
Artigo 16.-Composición do Consello de Dirección.
1. O Consello de Dirección da ACSUG estará formado polos seguintes membros:
a) A presidenta ou presidente da ACSUG, que tamén o será do Consello de Dirección.
b) A persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades.
c) Os titulares de cada un dos departamentos que teñan atribuídas as competencias en materia de Educación Superior e en Investigación, Desenvolvemento e Innovación.
d) As rectoras ou rectores das universidades integrantes do sistema universitario de Galicia.
e) As presidentas ou presidentes dos Consellos Sociais das universidades integrantes do SUG.
f) Dúas persoas designadas pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades de entre destacados membros da comunidade académica e científica.
g) Dúas persoas designadas pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de Investigación, Desenvolvemento e Innovación de entre destacados membros da comunidade científica ou empresarial.
h) A presidenta ou presidente da CGIACA.
i) Dous estudantes do sistema universitario de Galicia, nomeados polo Consello da Xuventude de Galicia.
j) A directora ou director da ACSUG que asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.
k) O titular do departamento que teña atribuídas as competencias sobre calidade de cada unha das universidades do sistema universitario de Galicia, que asistirán as xuntanzas con voz e sen voto.
2. O Consello de Dirección nomeará unha secretaria ou secretario a proposta da presidenta ou presidente da ACSUG, que desempeñará, respecto do Consello de Dirección e da Comisión permanente, as funcións propias da secretaría dos órganos colexiados, así como as demais funcións que se lle encomenden ou deleguen polo Consello de Dirección. Cando se nomee entre os membros deste órgano asistirá as xuntanzas cos dereitos que lle correspondan. En caso contrario asistirá as xuntanzas con voz e sen voto.
Artigo 17.-Funcións do Consello de Dirección.
Corresponden ao Consello de Dirección as seguintes funcións:
a) Aprobar a programación anual de actividades.
b) Aprobar o orzamento da ACSUG, así como as súas contas.
c) Aprobar o código ético que establecerá os principios de actuación da ACSUG.
d) Aprobar a memoria anual de actividades da ACSUG.
e) Acordar a realización dos convenios coas institucións e entidades públicas ou privadas, que se consideren necesarios.
f) Elaborar e aprobar o regulamento de orde interna e de funcionamento da súa Comisión permanente.
g) Aprobar os proxectos de obras, instalacións e servizos.
h) Acordar as operacións de crédito e as operacións de tesourería.
i) Aprobar as variacións orzamentarias, de habilitación e suplemento de crédito durante o exercicio, en función dos dereitos recoñecidos en favor da ACSUG. De outro modo, necesitarase a autorización das entidades consorciadas.
j) Fixar as axudas de custo que procedan dos membros dos órganos da ACSUG e as retribucións dos membros das comisións desta, de acordo coa normativa que resulte de aplicación.
k) Exercer todo tipo de accións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e os intereses da ACSUG.
l) Adoptar as medidas adecuadas para a mellor organización e funcionamento da ACSUG.
m) Aprobar a admisión de novos membros no Consorcio e a modificación dos seus estatutos, de acordo co que se prevé nestes estatutos.
n) Acordar a disolución e a liquidación do Consorcio, de acordo co que se establece nestes estatutos.
ñ) Propoñer, ao departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, os prezos públicos para a prestación dos servizos que ofrece a ACSUG e que deban ser remunerados. A proposta de prezos será aprobada de acordo co procedemento previsto na normativa vixente sobre taxas e prezos públicos da Xunta de Galicia.
o) Calquera outra función que se lle atribúa nestes estatutos, na demais normativa que resulte de aplicación ou aquelas outras que non estean atribuídas expresamente ós restantes órganos da ACSUG.
Artigo 18-Sesións.
O Consello de Dirección reunirase:
a) En sesión ordinaria, unha vez cada cuatrimestre.
b) En sesión extraordinaria sempre que o convoque a súa presidenta ou presidente por iniciativa propia ou por instancia da metade dos membros que compoñen o Consello de Dirección.
Artigo 19.-Comisión permanente do Consello de Dirección.
1. A Comisión permanente do Consello de Dirección estará constituída polos seguintes membros deste órgano:
a) A presidenta ou presidente.
b) Un representante do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades.
c) Os titulares de cada un dos departamentos que teñan atribuídas as competencias en materia de Educación Superior e en Investigación, Desenvolvemento e Innovación.
d) Un representante de cada unha das universidades integrantes do sistema universitario de Galicia.
e) Un representante dos membros do Consello de Dirección que resulten das letras f e g do apartado primeiro do artigo 16 destes estatutos.
f) Un representante dos estudantes.
g) A directora ou director da ACSUG.
Así mesmo, tamén poderán formar parte da Comisión permanente do Consello de Dirección técnicos expertos na materia, sempre que a súa colaboración resulte de interese para ela, que asistirán as súas xuntanzas con voz e sen voto.
2. Corresponden á Comisión permanente do Consello de Dirección as seguintes funcións:
a) Elaborar a programación anual de avaliación de acordo coas propostas da administración educativa e das respectivas universidades.
b) Colaborar na elaboración da memoria anual das actividades da ACSUG.
c) Propoñer actividades e programas que serán desenvolvidos pola ACSUG.
d) Elaborar o código ético de conformidade co que terá que actuar a ACSUG.
e) Propoñer as medidas adecuadas para a mellor organización e funcionamento da ACSUG.
f) Calquera outra función que lle sexa expresamente encargada ou delegada polo Consello de Dirección.
Artigo 20.-A directora ou director da ACSUG.
A directora ou director da ACSUG, será nomeado pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, oído o Consello de Dirección da ACSUG, atendendo a criterios de competencia, profesionalidade e experiencia, por un período de catro anos, prorrogables por períodos iguais de tempo.
Artigo 21.-Funcións da directora ou director da ACSUG.
Correspóndelle á directora ou director:
a) Ser o órgano executivo da ACSUG. Executar e facer cumprir os acordos do Consello de Dirección.
b) Dirixir, organizar, xestionar e inspeccionar as actividades da ACSUG, de acordo coas directrices do Consello de Dirección.
c) Presentar no Consello de Dirección as propostas de organización e funcionamento das diversas actividades e programas que promova a ACSUG.
d) Informar ao Consello de Dirección do desenvolvemento das actividades e programas da ACSUG e exercer as funcións que lle sexan encargadas ou delegadas por este.
e) Elaborar e elevar o proxecto de orzamento anual e as súas modificacións, para os efectos do seu exame e, se procede, da súa aprobación polo Consello de Dirección.
f) Desenvolver a xestión económica da ACSUG, autorizar os gastos dentro dos límites fixados polo Consello de Dirección e ordenar os pagamentos.
i) Velar pola conservación e o mantemento das instalacións e do equipamento da ACSUG.
j) Elaborar a proposta do cadro de persoal e exercer as funcións de contratación, dirección e xestión do persoal propio ou adscrito na ACSUG.
k) Velar pola mellora e a calidade dos métodos de traballo, para a introducción das innovacións tecnolóxicas.
l) Informar a presidenta ou presidente da ACSUG de todo o necesario para o adecuado exercicio das súas funcións e formular as propostas que considere adecuadas para o bo funcionamento da ACSUG.
m) Asumir a representación plena do Consello de Dirección da ACSUG, en relación á formalización e notificación dos acordos, convenios e contratos adoptados ou realizados por este órgano.
n) Calquera outra función que lle sexa expresamente encargada ou delegada polo Consello de Dirección.
SECCIÓN SEGUNDA
Órganos consultivos e de avaliación
Artigo 22.- A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA).
1. A CGIACA, como órgano superior de avaliación da ACSUG exercerá, con total independencia, as funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación que teña atribuídas a ACSUG ás que se fai referencia no apartado primeiro do artigo 7 destes estatutos, así como outras funcións análogas propias do ámbito da garantía da calidade universitaria, que lle poidan ser encomendadas polo Consello de Dirección da ACSUG, ou pola normativa que resulte de aplicación.
A CGIACA elaborará e aprobará os informes sobre os resultados das avaliacións efectuadas, que se presentarán ao Consello de Dirección para a súa información.
2. A composición da CGIACA deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e estará constituída polos seguintes membros:
a).- A presidenta ou presidente, que será nomeado pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito universitario de Galicia, a proposta do Consello de Dirección da ACSUG. A presidencia da CGIACA terá unha duración de catro anos, prorrogables por períodos iguais de tempo, sen límites.
b).- Seis vocais elixidos polo Consello de Dirección da ACSUG, nomeados a través da presidenta ou presidente deste, de entre destacados membros da comunidade académica e científica.
c).- A directora ou director da ACSUG con voz e sen voto, que actuará coma secretaria ou secretario.
3. Os vocais da CGIACA serán nomeados por un período de catro anos. En todo caso, cada dous anos, procederase á renovación da metade destes. Ningún vocal poderá ser proposto para outro período inmediato salvo que ocupase o cargo por un período non superior aos dous anos.
Dentro dos catro meses anteriores á expiración dos nomeamentos, o pleno do Consello de Dirección da ACSUG deberá nomear aos novos vocais. Os vocais continuarán no exercicio das súas funcións ate que tomen posesión os que os sucedan.
No caso de cese ou vacante dalgún dos vocais da CGIACA nomearase a un substituto para que ocupe o posto polo tempo que restase para rematar o período.
4. Os membros da CGIACA, no exercicio das súas funcións, actuarán a título persoal e con plena independencia, garantindo en todo momento que non se produzan conflictos de intereses e sometidos á normativa vixente en materia de incompatibilidades.
Artigo 23- Funcionamento da CGIACA.
1. A CGIACA actuará con independencia e adoptará as decisións últimas respecto das funcións que teñan atribuídas, sendo a responsable final.
2. Esta Comisión aprobará o seu propio regulamento de funcionamento, así como os distintos procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación e acreditación que correspondan para o desempeño das funcións que teñan atribuídas, de acordo co disposto nestes estatutos e na demais normativa que resulte de aplicación.
3. A Comisión poderá contar para o exercicio das súas funcións, cos distintos Comités de Asesores Expertos que ela mesma constitúa, para o que deberá determinar a súa composición, o seu réxime de funcionamento e os requisitos e o procedemento de designación.
4. O regulamento de funcionamento, os distintos procedementos e protocolos de avaliación, informe e certificación que aprobe e as normas reguladoras da composición, réxime de funcionamento, requisitos e procedemento de designación dos Comités de Asesores de Expertos, aprobados pola CGIACA, deberán ser públicos.
Artigo 24-O Consello Asesor
1. O Consello Asesor depende organicamente da directora ou director da ACSUG e, como órgano consultivo, correspóndenlle, dentro das funcións ás que se fai referencia no apartado primeiro do artigo 7 destes estatutos, as seguintes:
a) Informar, a petición da directora ou director da ACSUG, sobre os procedementos e actuacións que desenvolva a ACSUG.
b) Resolver, a petición da directora ou director da ACSUG, as controversias que se produzan respecto do cumprimento das normas ou códigos éticos e de boas prácticas, respecto dos procedementos e actuacións que desenvolva a ACSUG.
c) Analizar a metodoloxía e as estratexias de avaliación que se puidesen aplicar e propoñer medidas de mellora da calidade dos métodos de traballo e de introducción de innovacións tecnolóxicas.
d) Analizar o funcionamento da ACSUG e emitir un informe anual para o Consello de Dirección.
e) Manter as relacións de colaboración e cooperación que resulten procedentes, cos comités que realicen funcións análogas dentro dos órganos de avaliación externa que existan ou se constitúan no ámbito estatal e internacional.
f) Recoller e analizar as suxestións, propostas e opinións que respecto das funcións e actuación da ACSUG, se formulasen por parte das administracións públicas, dos órganos de avaliación externa que existan no ámbito estatal e internacional, das universidades españolas e de calquera outra institución pública ou privada vinculada co ámbito da garantía da calidade universitaria.
g) Elevar á Dirección da ACSUG, para a súa consideración, propostas e suxestións para a mellora das súas actuacións.
h) Calquera outra función que lle sexa expresamente encargada ou delegada pola directora ou director da ACSUG.
2. O Consello Asesor terá a composición seguinte.
a) A presidenta ou presidente, que será a directora ou director da ACSUG.
b) Entre seis e dez membros, designados polo Consello de Dirección da ACSUG, de entre personalidades de recoñecido prestixio do ámbito científico, académico e profesional, tanto nacional como internacional, externos ao sistema universitario de Galicia. Na súa composición garantirase a presencia de representantes do sector empresarial e dos estudantes universitarios, que non terán que ser alleos ao ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) O Consello Asesor nomeará a unha secretaria ou secretario, a proposta da súa presidenta ou presidente, que desempeñará as funcións propias da secretaría dos órganos colexiados, así como as demais funcións que se lle atribúan. No caso de que se nomee a unha persoa distinta dos membros do Consello Asesor, asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.
SECCIÓN TERCEIRA
Réxime de funcionamento dos órganos e comisións colexiadas
Artigo 25.-Constitución do órgano a efectos de celebración de sesións.
Para a válida constitución do órgano, a efectos de celebración de sesións, requirirase a presencia da metade dos seus membros con dereito a voto. En todo caso deberán estar presentes a súa presidenta ou presidente, ou persoa que o substitúa, e a súa secretaria ou secretario.
Artigo 26.-Delegación e suplencia.
1. Os membros dos órganos colexiados da ACSUG, que o sexan por razón do seu cargo, poderán delegar esta condición, de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. No caso de vacancia, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal análoga, a presidenta ou presidente da CGIACA e do Consello Asesor será substituído polo membro do respectivo órgano, con dereito a voto, de maior antigüidade. No caso de que houbese máis dun membro coa mesma antigüidade, será o de maior idade destes.
3. Os órganos colexiados da ACSUG nomearán a una Secretaria ou Secretario suplente, ou no seu defecto, establecerán o réxime de substitución deste para o caso de vacancia, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal análoga do titular. Cando se nomee entre os propios membros do órgano, asistirá as xuntanzas cos dereitos que lle correspondan. En caso contrario asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.
Artigo 27.-Adopción de acordos.
1. Salvo que expresamente se prevea outra cousa nestes estatutos, os acordos dos órganos e comisións colexiadas da ACSUG adoptaranse polo voto da maioría dos membros que se encontren presentes no momento da votación.
2. En caso de empate, este dirimirase co voto de calidade da Presidenta ou Presidente.
3. Non se poderán tomar acordos válidos respecto dos asuntos non incluídos na orde do día a menos que na reunión estean presentes tódolos membros do órgano e o consintan expresamente, e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.
4. Os acordos relativos á admisión de novos membros no Consorcio, á modificación dos seus estatutos e á disolución e liquidación do Consorcio requirirán, para a súa válida adopción, o voto favorable das tres quintas partes dos membros de dereito do pleno do Consello de Dirección.
CAPÍTULO III
RÉXIME XURIDICO, ECONÓMICO E PATRIMONIAL
Artigo 28.-Réxime xurídico da ACSUG.
1. A ACSUG rexerase polo disposto nestes estatutos e pola demais normativa que resulte de aplicación. Con carácter xeral, axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico público. En todo caso os actos dictados polos seus órganos en relación ás funcións de informe, avaliación, certificación e acreditación que teña atribuídas a ACSUG ás que se fai referencia no apartado primeiro do artigo 7 destes estatutos, así como outras funcións análogas propias do ámbito da garantía da calidade universitaria, que lle poidan ser encomendadas pola normativa que resulte de aplicación, terán a consideración de actos administrativos e regularanse polo dereito público.
2. Nas súas actividades de contratación administrativa rexerase pola normativa de dereito público.
Artigo 29.-Réxime de impugnación dos actos.
Os actos administrativos emitidos polo Consello de Dirección, formalizados mediante os correspondentes acordos, esgotarán a vía administrativa e contra eles poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.
Os actos administrativos emitidos pola presidenta ou presidente e directora ou director da ACSUG, poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o Consello de Dirección da ACSUG. A resolución que se dite resolvendo o recurso esgotará a vía administrativa.
Os actos administrativos emitidos pola CGIACA no exercicio das potestades que teña atribuídas, formalizados mediante os correspondentes acordos, esgotarán a vía administrativa e contra eles poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.
Artigo 30.-Prazos.
O prazo máximo para notificar a resolución expresa dos procedementos sometidos ao dereito administrativo, competencia da ACSUG, será de seis meses.
Artigo 31.-Medios persoais.
1. Para dar cumprimento ás funcións atribuídas, a ACSUG contará co cadro de persoal que o Consello de Dirección determine.
2. O persoal da ACSUG estará formado por:
a) O persoal propio, contratado en réxime de dereito laboral respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade.
b) O persoal que lle sexa adscrito, de conformidade coa normativa vixente, pola Xunta de Galicia e as universidades integrantes do sistema universitario de Galicia.
3. A ACSUG poderá contar con investigadores, asesores, colaboradores externos e bolseiros, a xuízo do órgano de dirección e de acordo coa normativa que para o efecto sexa de aplicación.
Artigo 32.-Patrimonio.
1. A ACSUG terá patrimonio de seu para o cumprimento das súas funcións.
2. Constituirá o patrimonio da ACSUG os bens e os dereitos que lle acheguen as entidades consorciadas, e os bens e os dereitos propios de calquera natureza que adquira ou reciba por calquera título, os cales deberán ser rexistrados no inventario correspondente.
3. O patrimonio da ACSUG afecto ao exercicio das súas funcións terá a consideración de dominio público e adecuarase ao réxime xurídico propio deste tipo de bens.
4. A ACSUG elaborará e manterá actualizado o inventario dos seus bens e dereitos coa única excepción dos que teñan carácter funxible. O inventario realizarase anualmente, con referencia ao 31 de decembro e presentarase ao Consello de Dirección para a súa aprobación.
Artigo 33.-Financiamento.
Para a realización dos seus obxectivos, a ACSUG contará cos recursos seguintes:
a) As contribucións que efectúen as entidades consorciadas.
b) As subvencións, axudas e doazóns que reciba.
c) O rendementos de calquera clase derivados da prestación de servizos e, en particular, os prezos públicos que se poidan, se é o caso, establecer.
d) Os créditos que se obteñan e os produtos do seu patrimonio.
e) Calquera outra que legalmente lle poida corresponder.
Artigo 34.-Orzamento.
O orzamento anual de ingresos e de gastos deberá ser aprobado polo Consello de Dirección antes do 31 de decembro de cada ano, co fin de aplicalo no exercicio económico seguinte e con posibilidade de prórroga.
Artigo 35.-Contabilidade e control económico.
En canto ao control interno e de contabilidade, sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, do Tribunal de Contas, será de aplicación á ACSUG a normativa correspondente ao réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 36.-Disolución.
O Consorcio disolverase por acordo expreso dos membros que o integran, co quórum sinalado no apartado cuarto do artigo 27 destes estatutos ou por imposibilidade legal ou material de cumprir os seus obxectivos.
Artigo 37.-Liquidación dos bens.
O acordo de disolución do Consorcio determinará a correspondente liquidación dos bens e a reintegración das obras e instalacións achegadas polas entidades consorciadas, de acordo coas directrices seguintes:
a) A Xunta de Galicia designará, mediante o departamento que teña atribuídas as competencias en materia de Universidades, unha comisión liquidadora, constituída por peritos de recoñecida solvencia profesional, non vinculados ao Consorcio nos cinco anos anteriores á súa designación, os cales elevarán á Xunta de Galicia unha proposta de procedemento para a formalización da disolución.
b) A constitución da comisión liquidadora non debe implicar alteración no funcionamento dos órganos do Consorcio.
Artigo 38.-Separación dos membros do Consorcio.
1. A separación dalgún dos membros do Consorcio poderá realizarse co aviso previo de seis meses, sempre que non resulten prexudicados os obxectivos do Consorcio, suposto no cal deberán establecerse os compromisos e a data de separación da entidade consorciada.
2. A entidade que se separe debe estar ao día dos seus compromisos anteriores e garantir a liquidación das obrigas que teña contraído ata o momento da separación.
3. En caso de que a separación sexa acordada, as liquidacións parciais que corresponda efectuar, a instancia da entidade que se separa, efectuaranse seguindo as mesmas normas que as establecidas no artigo anterior.
Disposicións adicionais
Primeira.- Réxime subsidiario.
A actuación dos órganos, comités e comisións colexiadas da ACSUG estará suxeita ao establecido nestes estatutos e, no seu caso, nos regulamentos específicos destes. Subsidiariamente será de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e ás demais normas administrativas de aplicación xeral.
Segunda.- Igualdade entre mulleres e homes.
No desenvolvemento e na aplicación do establecido no Capítulo II destes estatutos, relativo ao Réxime Orgánico da ACSUG, terase en conta o disposto pola lexislación específica en materia de igualdade e paridade entre mulleres e homes.
Terceira.- Dos informes e avaliacións doutros órganos de avaliación externa.
A equiparación de avaliacións, informes, certificacións e verificación respecto de funcións que teña atribuídas a ACSUG, emitidas por outros órganos de avaliación externa, requirirá a subscrición previa do correspondente convenio entre estes e a Xunta de Galicia.
Cuarta.- Do regulamento de funcionamento da CGIACA
A CGIACA deberá aprobar, durante o primeiro trimestre, contado dende a data da súa constitución de conformidade co disposto nestes estatutos, o regulamento de funcionamento ao que se fai referencia no apartado cuarto do artigo 23 dos mesmos.
Disposicións transitorias
Primeira- Dos informes para a contratación e progresión de profesores colaboradores.
Corresponde á ACSUG a emisión dos informes e avaliacións previos á prórroga por catro anos dos contratos de profesores colaboradores, así como a emisión da avaliación previa á adquisición do carácter estable do contrato de profesor colaborador, aos que se fai referencia no artigo 6.2º do Decreto autonómico 266/2002.
Segunda- Dos informes para a contratación excepcional de profesores colaboradores.
Corresponde á ACSUG a emisión dos informes previos á contratación excepcional de profesores colaboradores, dentro das condicións e prazos que o Goberno estableza regulamentariamente, á que se fai referencia na Disposición Adicional Segunda da Lei Orgánica 4/2007, pola que se modifica a Lei Orgánica 6/2001, de Universidades.
Terceira- Dos procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación.
En tanto a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación aos que se fai referencia no artigo 23 destes estatutos, seguiranse aplicando os establecidos polas normas en vigor, en tanto non contradigan o establecido pola Lei Orgánica 6/2001, de Universidades, na súa redacción dada pola Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, pola que se modifica á anterior.
Cuarta- Das primeiras renovacións dos vocais da CGIACA.
De conformidade co apartado terceiro do artigo 22 destes estatutos, a primeira renovación da metade dos vocais da CGIACA farase aos dous anos do seu nomeamento.