Introducción
Desde a súa creación, a ACSUG considerou de vital importancia o establecemento de relacións e intercambio de información con outras axencias de calidade e organismos relacionados co ámbito universitario tanto nacionais como internacionais, o que incide nunca mellora continua das actividades realizadas, así como na adaptación constante á situación social de cada momento.
Por iso se tomou a decisión por parte da ACSUG da inclusión na Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA) , organismo do que forman parte axencias de calidade de educación superior de 25 países europeos.
Para formar parte de ENQA hai que cumprir cos “Criterios e Directrices para a Garantía da Calidade no Espazo Europeo de Educación Superior” , que establecen unha serie de aspectos a ter en conta polas axencias e que indican no caso do seu cumprimento un compromiso coa calidade, transparencia, independencia, criterios éticos e realización adecuada dos servizos e actividades.
A ACSUG foi aceptada o 27 de febreiro de 2007 como Membro Candidato de ENQA, establecéndose que nun período de dous anos se realizaría una avaliación externa para comprobar a adecuación da ACSUG respecto dos criterios e directrices europeos e entrar a formar parte de ENQA como membro de pleno dereito.
Proceso de autoavaliación
Desde a aceptación da ACSUG como membro candidato , se planificaron as accións e cambios a levar a cabo, co obxectivo de ir recompilando a información necesaria para a realización do informe de autoavaliación sobre o cumprimento dos criterios establecidos.
Proceso de avaliación externa
A avaliación externa planificouse de maneira conxunta pola ACSUG e por ENQA, establecendo un calendario a seguir . Designouse por parte de ENQA a composición do comité de avaliación externo que se encargaría da avaliación.
O informe de autoavaliación da ACSUG enviouse ao comité de avaliación externo para que o analizara e planificouse a visita do comité á ACSUG para os días 18 e 19 de maio de 2009, acordando unha planificación e calendario de reunións con diferentes órganos e grupos de interese do Sistema Universitario de Galicia.
Os días 18 e 19 de maio de 2009, o comité externo de ENQA, responsable da avaliación externa da ACSUG realizou a visita ás instalacións da ACSUG para comprobar in situ o cumprimento dos criterios e directrices europeos. O desenvolvemento da visita se levou a cabo segundo a planificación prevista, asistindo máis de 60 persoas ás xuntanzas co comité externo: todo o persoal da ACSUG, membros do Consello de Dirección, CGIACA, Consello Técnico, outros representantes das universidades, avaliadores e expertos externos, estudantes e grupos de traballo externos.
En setembro de 2009 o Comité Externo enviou a ENQA e a ACSUG o informe final . Despois de analizar toda a información da avaliación externa, o Board de ENQA decidiu na súa xuntanza do 16 de novembro de 2009 que ACSUG cumpre cos requisitos necesarios para formar parte de ENQA como membro de pleno dereito por un período de 5 anos, despois dos cales terá que realizar outra vez un proceso de avaliación externa.
Conclusións
A inclusión da ACSUG como membro de pleno dereito de ENQA supón unha confirmación da calidade das actividades e servizos levados a cabo e un recoñecemento por parte doutras axencias e da sociedade en xeral do labor realizado pola ACSUG.
A importancia de formar parte de ENQA e cumprir cos criterios establecidos, se revaloriza, non só pola mellora continua que isto provoca nas actividades e servizos realizados pola ACSUG, senón tamén pola posta en marcha do Rexistro Europeo de Axencias de Calidade (EQAR) . Ser membro de pleno dereito de ENQA avaliado externamente de maneira positiva garante que se cumpren os requisitos para pertencer ao Rexistro.