Galego Español English Universidade da Coruña Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Vigo Xunta de Galicia
Titulacións
Inserción laboral
Posgraos
Servizos
EEES
Docentia
Fides - Audit
Verifica


ACTUACIÓNS REALIZADAS POLA ACSUG NO EEES

O Sistema Universitario de Galicia (SUG) fundaméntase na competencia plena que segundo o artigo 31 do Estatuto de Autonomía, exerce a Comunidade Autónoma de Galicia para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, incluídos polo tanto os estudos universitarios.

A publicación da LOU supuxo unha profunda transformación lexislativa, motivada pola necesidade de adaptarnos ao EEES e pola mellora de calidade en todas as áreas da actividade universitaria.

Nese camiño cara á calidade e a adaptación a Europa, a Consellaría de Educación está a dispoñer os medios lexislativos e materiais para conseguir a calidade do SUG. Así se publicou normativa sobre profesorado contratado (Decreto 266/2002 do 6 de setembro de contratación de profesorado universitario), Consellos Sociais das Universidades (Lei 1/2003 do 9 de maio, dos Consellos Sociais do SUG), Consello Galego de Universidades (Lei 2/2003 do 22 de maio do Consello Galego de Universidades) e outras de adaptación á LOU.

Mediante estas medidas preténdese mellorar a calidade do SUG e a súa competitividade a nivel internacional, especialmente no ámbito europeo, preservando sempre a riqueza cultural e lingüística á vez que se favorece unha maior cooperación entre as institucións.

O borrador da Lei Xeral do SUG considera nun dos seus títulos a adaptación ao Sistema Europeo de Ensino Superior, fundamentalmente no relativo á coordinación dos procesos para alcanzar a converxencia europea, o suplemento europeo dos títulos e as medidas para a adaptación das denominacións dos seus títulos, así como das modalidades cíclicas das ensinanzas, procurando que a unidade de valoración de estas, nos seus plans de estudos, sexa o criterio europeo.

Nesta liña, marcada pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, propóñense diferentes actividades, informativas e de debate sobre experiencias para a converxencia europea, totalmente necesarias para a consecución dos fins requiridos.

Con este fin a Consellaría de Educación asinou, o 20 de outubro de 2003, un convenio de colaboración coa Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) para a converxencia das Universidades Galegas co EEES.

As actividades derivadas deste Convenio, entendiamos que deberían incardinarse coas actuacións que para o conxunto do Estado estaba a promover ANECA e que materializamos coa sinatura entre ACSUG e ANECA dun anexo, ao Convenio Marco xa existente, para o apoio nos procesos de converxencia europea.

Todos estes aspectos recóllense entre as actuacións a efectuar pola ACSUG, fixadas nos seus estatutos, entre os que poden sinalarse os de:

  • Promover a coordinación entre as universidades galegas en materia de calidade e con outras institucións.
  • Analizar os plans de estudos universitarios e avaliar o impacto e os resultados das súas reformas e modificacións.
  • • Elaborar informes e propostas en relación cos sistemas de educación superior doutros países.
En concreto a ACSUG, baseándose nas actuacións citadas, fixouse como obxectivo que as titulacións que se imparten nas Universidades Galegas sexan promotoras e coordinen a formación de redes nas que se impliquen un número significativo de universidades para a presentación de proxectos de deseño de plans de estudo e títulos de grao.

Mediante o Convenio referido coa ACSUG, a Consellaría de Educación pretende ir conformando unha opinión no Sistema Universitario de Galicia que permita, coa axeitada formación do profesorado, o mellor desenvolvemento nas novas formas de ensino e na necesaria reestruturación das súas titulacións.

O primeiro dos aspectos citados pretende alcanzarse mediante a realización de actividades concretas:

  • Dar a coñecer ao conxunto da comunidade universitaria a terminoloxía e os principios básicos do EEES, en particular o sistema de créditos ECTS e o Suplemento Europeo ao Título.
  • Formar os responsables directos da súa implantación (profesorado, PAS e alumnos).
O segundo aspecto materializaríase, para as titulacións que se propuxesen, estruturando as actividades en orde a:

  • Coñecer a oferta e a demanda da titulación no SUG e a súa relación co conxunto do Sistema Universitario Español, Europeo e Mundial.
  • Analizar a disparidade de contidos nos actuais plans de estudos de cada titulación.
  • Establecer os contidos mínimos que definen a titulación cubrindo polo menos o 70% do seu plan de estudos.
  • Establecer as materias complementarias que debería incluír a titulación.
  • Implicación dos Colexios e Asociacións Profesionais e demais axentes sociais relacionados coa titulación.
Para alcanzar estes obxectivos esta Consellaría contribuíu, a través da ACSUG, con 148.500 € para o presente curso.

A Comisión de coordinación creada ao efecto, na que participan as nosas tres universidades, reunida o 10 de setembro de 2003 propuxo a realización dunha experiencia coa participación de catro titulacións (Bioloxía, Dereito, Enfermaría e Filoloxía) xunto á realización dun tríptico, resumo do proxecto a realizar, así como a formulación do plan de traballo.

Como condicións de participación para as titulacións propuxéronse:

  • Estar ofertadas no SUG.
  • Terían prioridade as titulacións do SUG ofertadas en máis dunha das nosas universidades que se comprometan a realizar o proxecto en común
  • Sería imprescindible a participación de todas as universidades galegas que impartan a titulación ofertada.
  • Conseguir implicar máis do 50% das universidades do Sistema Universitario Estatal que impartan a titulación ofertada.
As titulacións propostas comezaron a súa actividade no mes de novembro de 2003 coa presentación do proxecto ACSUG e dos "Aspectos fundamentais de EEES" para, a continuación, organizar as correspondentes actuacións, baixo a coordinación dos Decanos de cada titulación e establecer os grupos de traballo asignando tarefas para cada membro do grupo.

Como se comenta na carta enviada aos reitores, invitando os responsables do EEES a participar na "Xornada sobre a implementación do novo Crédito Europeo: Experiencias realizadas nas Universidades Españolas" celebrada o 16 de marzo de 2004, un dos obxectivos fixados nela, coincidente co anteriormente exposto, é o de apoiar e impulsar a integración das universidades no indicado EEES.

Concluído o ciclo de presentacións ás titulacións citadas consideramos preciso a presentación das experiencias existentes noutras CCAA e Universidades, o que se levou a cabo o 16 de marzo de 2004 propiciándose debates que facilitasen a todos un mellor coñecemento dos distintos temas tratados, permitindo aclarar aspectos puntuais sobre implantación de ECTS, sobre as necesarias estruturas para o seu desenvolvemento e propiciaron a aparición de novas dúbidas que poidan atopar resposta coa activa participación de todos os presentes e servindo de referencia no noso traballo posterior.

É necesario xuntar o esforzo de toda a comunidade universitaria: profesores, PAS e alumnos, así como, tamén do conxunto das administracións e organismos implicados aproveitando ao máximo as oportunidades derivadas do proceso de converxencia, para realizar unha profunda transformación do noso Sistema Universitario, que permita incrementar a súa competitividade e eficiencia, converténdose nun modelo de referencia non só a nivel europeo, senón tamén mundial.

Para iso, é necesario un grande esforzo de todos, non só dende o punto de vista económico, senón tamén formativo, tanto nos aspectos estritamente técnico, establecendo e difundindo ao conxunto da comunidade universitaria as metodoloxías e procedementos necesarios para a implantación efectiva do novo sistema, así como tamén favorecendo a cultura do cambio, motivando e concienciando a todos os colectivos implicados dos beneficios e vantaxes derivadas dese cambio.

Durante o primeiro cuadrimestre de 2004 os grupos de traballo establecidos en Bioloxía, Dereito, Enfermaría e Filoloxía realizan a súa tarefa na liña definida como segundo punto do proxecto ACSUG, se ben con diferente ritmo e resultados.

  • Bioloxía.
Os tres centros que imparten Bioloxía no SUG, xunto co resto das universidades españolas, elaboran un proxecto, presentado á ANECA, para este proceso de adaptación.

As titulacións de Bioloxía do SUG manifestan a súa disposición a abordar unha experiencia piloto de reconversión de créditos, dalgunhas das materias actuais, a créditos ECTS.

A materia común é Citoloxía e Histoloxía Vexetal e Animal.

As materias optativas seleccionadas son:

  • Na UDC: Microbioloxía e Biotecnoloxía Ambiental e Etoloxía.
  • Na USC: Etoloxía, Neurobioloxía Xeral e comparada e Fitoxeografía.
  • Na UVI: Comportamento animal e Xenética Molecular.
Para levalo a cabo constituirase un grupo de traballo para cada unha das materias, do que formarán parte, polo menos, todos os profesores que as imparten na actualidade, elixindo entre eles un coordinador, así como dous estudantes (un de primeiro ciclo e outro de segundo ciclo). Os coordinadores estarán en contacto permanente cos decanos dos catro centros implicados.

Nun primeiro momento traballarase co número de créditos e os descriptores que figuran no RD de Directrices Xerais propias dos correspondentes plans de estudo, para definir os obxectivos e o nivel de competencias e habilidades que os estudantes deben conseguir con esas materias troncais. Da análise dos obxectivos, competencias e habilidades debe derivar unha programación detallada da materia que inclúa todas as actividades que un estudante tipo debe realizar, incluídas clases teóricas e prácticas. Unha vez realizada esta adaptación haberá que poñelo en práctica en cada un dos centros. Coas materias distintas seleccionadas por cada universidade, o traballo poderase facer directamente sobre a materia en cuestión, non deixando de lado as indicacións dos RD de Directrices Xerais propias dos plans de estudo.

  • Filoloxía.
As catro facultades do SUG que imparten titulacións de Filoloxía participan nun proxecto, coordinado conxuntamente pola USC e a UCM, para abordar un estudo conxunto de todas as actuais titulacións de Filoloxía de cara á harmonización no EEES. No grupo de traballo participan todas as universidades españolas que imparten algunha licenciatura de Filoloxía, agás as universidades de Jaén, a Jaume I e a de León.

Como complemento a este estudo as tres universidades galegas desexan poder presentar un deseño de títulos de posgrao que complementen os de grao resultantes, atendendo aos criterios de evitar repeticións de títulos idénticos de posgrao e de optimizar todos os recursos humanos e materiais existentes no SUG, así como ás necesidades de especialización dos estudantes en relación cos perfís profesionais máis precisos.

As titulacións de Filoloxía do SUG manifestan a súa disposición para abordar unha experiencia piloto de reconversión de créditos dalgunhas materias actuais a créditos ECTS, centrando os seus esforzos en traballar con materias comúns as tres universidades galegas.

As materias seleccionadas son:

  • Lingua Inglesa, materia troncal de primeiro ciclo de Filoloxía Inglesa.
  • Literatura Española, materia troncal de primeiro ciclo de Filoloxía Hispánica.
  • Lingua Galega, materia troncal do primeiro ciclo de Filoloxía Galega.
A cuarta materia será diferente nas tres universidades:

  • A USC traballará coa materia de Latín, troncal de primeiro ciclo de varias titulacións.
  • A UDC traballará coa materia troncal de Lingüística.
  • A UVI traballará coa materia de Teoría da Literatura.
O plan de traballo é igual que o que se segue nas titulacións de Bioloxía.

Enfermaría e Dereito encamiñaron o seu traballo fundamentalmente cara ao deseño das súas titulacións, coincidindo coa terceira liña de traballo establecida no proxecto ACSUG.

Concluída a primeira fase do traballo desenvolvido en Bioloxía e Filoloxía realizouse unha xornada para cada titulación na que, os grupos de traballo de cada materia, presentaron ante os partícipes na experiencia, os traballos efectuados e os resultados obtidos ata o momento xunto á planificación temporal para a súa implementación total. Nestas presentacións invitouse a profesores doutras universidades que realizasen algunha experiencia similar co fin de que servise de estímulo, exemplo e comparación.

Estas presentacións provocaron un aumento da seguridade no traballo realizado implicando un compromiso de comunicar en diversas xornadas, fóra das nosas universidades, estas experiencias piloto do SUG.

Nas Xornadas de Innovación Universitaria: O Reto da Converxencia Europea, celebradas o 16 e 17 de setembro de 2004 en Madrid, presentouse a experiencia da titulación de Filoloxía impartida por Manuel Fernández Ferreiro.

Na Xornada de Novas Titulacións e Novos Métodos de Ensino e de Avaliación da Aprendizaxe no EEES, celebrada en Zamora do 6 ao 9 de outubro de 2004, presentouse a experiencia da titulación de Bioloxía impartida por Juan Freire.

Dentro da segunda liña de traballo do proxecto ACSUG tamén se incluía a análise, dende un punto de vista técnico experimentado, da situación de implantación de ECTS no SUG, co obxectivo de obter unha "foto fixa do sistema" recollendo as boas prácticas profesionais e recomendacións que puidesen ser aplicables. Este traballo desenvolvido a partir dos datos e experiencias realizadas polas oficinas de relacións internacionais das tres universidades, atópase practicamente concluído.

Para satisfacer unha das demandas das titulacións referidas recompiláronse un conxunto de termos habituais en EEES que se recolle nun glosario unido a un modelo de traballo para o desenvolvemento de cada materia.

Con data 15 de abril de 2004 reúnese a Comisión de coordinación da ACSUG xunto cos Decanos das Titulacións da experiencia piloto, nesta reunión exponse o realizado ata o momento en temática de EEES e acórdase un plan de traballo para a formación do profesorado.

Con data 5 de xullo de 2004 celebrouse na Facultade de Xeografía e Historia da USC, a xornada de calidade formativa nas titulacións de Xeografía, Historia e Historia da Arte.

Con data de 28 de setembro de 2004 asínase un novo convenio de colaboración, entre a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a ACSUG, para continuar as accións que nos leven á Converxencia das Universidades Galegas co EEES.

En virtude do establecido na cláusula cuarta do convenio de colaboración anteriormente citado, as previsións de gastos e accións a realizar son as seguintes:

  • Abasto de material: Plans de estudos das universidades galegas. Normativa sobre educación superior tanto europea como nacional e autonómica. Medios materiais para realizar as accións derivadas do convenio.
  • Realizar diversas reunións con expertos en adaptación de educación superior ao Espazo Europeo.
  • Facer un estudo completo da documentación recompilada e da información obtida das reunións previas cos expertos en adaptación de educación superior ao Espazo Europeo e facer un informe sobre a súa aplicación no tempo.
  • Realizar diversas reunións cos Vicerreitores encargados da organización académica nas universidades galegas para analizar os plans de estudos a adaptar.
  • Dirixir e supervisar as tarefas que as universidades teñan que acometer para a adaptación das súas titulacións á converxencia co EEES
  • Facer un estudo dos centros que imparten, dentro da Comunidade Autónoma, ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria e a súa converxencia co espazo europeo, tal e como estipula o artigo 86 da LOU.
Os días 1 e 2 de outubro de 2004 organizouse na Facultade de Psicoloxía da USC unha Xornada Estatal sobre "O Practicum de Psicoloxía no EEES".

Con data 5 de outubro de 2004 reuniuse a Comisión de Coordinación para a adaptación ao EEES en Titulacións do SUG co obxectivo de definir un novo plan de traballo. Como puntos tratados na devandita reunión destacan:

  • Continuación das experiencias coas titulacións de Filoloxía, Dereito, Enfermaría e Bioloxía.
  • Incorporación de novas titulacións ao proxecto de adaptación ao EEES: Informática de Sistemas (UDC, USC, UVI), Matemáticas (USC), Deseño Industrial (UDC), Psicoloxía (USC), Maxisterio, Educación Infantil (UDC, USC, UVI), Tradución e Interpretación (UVI) e INEF (UDC).
  • A convocatoria dende a ACSUG da mención de calidade sobre innovación educativa no EEES.
  • Programa de formación do profesorado.
Para as novas titulacións a participar na experiencia seguirase o plan de traballo realizado polas anteriores, coas modificacións propostas por eles.

As catro titulacións iniciais continuarán coa experiencia piloto baseándose nos seguintes obxectivos:

  • Elaboración das Guías docentes de acordo con criterios ECTS.
  • Aplicación da Guía docente a cada titulación a partir do curso 2004/2005, empezando no primeiro curso e continuando en anos sucesivos.
  • Promover a aplicación de experiencias docentes que fomente o traballo autónomo e o desenvolvemento de capacidades por parte dos alumnos á vez que a adaptación ás novas formas de traballo por profesores e PAS.
Con data 14 de outubro de 2004 reúnense os Decanos da Titulación de Filoloxía do SUG para analizar o seguimento da experiencia da devandita titulación, a implantación dos ECTS a todo un curso, o traballo de gabinete para todos as materias da carreira durante o curso 2004/2005 e futura implantación no curso 2005/2006.

 ACSUG :: Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia
Rua Lamas de Abade s/n 15702 Santiago de Compostela Tfno: 981534173 Fax: 981534174
aviso legal